Sanidade comeza a administrar ás nenas galegas de 12 anos a nova vacina contra o virus do papiloma humano

En pautas xa iniciadas, o departamento sanitario recomenda finalizar a vacinación coa mesma vacina, sempre que sexa posible. En caso contrario, administrarase a vacina nonavalente para finalizar o réxime de vacinación incompleto, seguindo as pautas marcadas en cada caso por Sanidade.
Ademais, seguindo as recomendacións de vacinación de grupos de risco de todas as idades, o departamento sanitario autonómico que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, amplía ata os 45 anos a indicación da vacina nonavalente fronte ao VPH nas persoas con VIH, en homes que teñen sexo con homes, en persoas en situación de prostitución e en mulleres con transplantes de órgano sólido (TOS) ou de proxenitores hematopoéticos (TPH). Tamén se recomenda a administración da vacina en mulleres, de calquera idade, con tratamento excisional de cérvix. En todos estes casos, a pauta de vacinación será de 3 doses, independentemente da idade.
As vacinas deberán solicitarse seguindo o procedemento habitual e axustándose ás necesidades da poboación de 12 anos usuaria do punto de vacinación e á demanda para a poboación en risco desta enfermidade.
A vacinación fronte ao VPH entrou a formar parte do calendario do Programa Galego de Vacinación en setembro de 2008, para todas as rapazas nadas a partir do 1 de xaneiro de 1994. Esta vacinación vaise adaptando ás novidades técnicas e loxísticas que van xurdindo, así como á pauta e a idade de administración.
Subliñar que o virus do papiloma humano é o responsable do 5% dos casos de cancro, principalmente do cancro cervical, pero tamén doutros como o de vulva, vaxina, pene, ano e orofarinxe, de aí a importancia da súa prevención.
Consellería de Sanidade