Ir o contido principal
iniciar sesión

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza unha charla sobre o Sol

Héctor Socas-Navarro é investigador do Instituto Astrofísico de Canarias e desde abril deste ano é director do Museo da Ciencia e o Cosmos de Tenerife.

No seu relatorio, o conferenciante exporá a evolución do Sol como estrela e a súa produción de enerxía. A actividade solar, a orixe do seu ciclo magnético e os perigos e influencias que este ten sobre a Terra serán tamén asuntos a tratar nesta actividade, que se celebrará o vindeiro venres 23 de agosto ás 20:30. Media hora antes, ás 20:00, comezará a repartición gratuíta dos convites para o acceso á sala, por orde de chegada e até completar a capacidade do recinto.

Héctor Socas-Navarro doutorouse en 1999 pola Universidade de La Laguna. Desde ese ano e até 2008 traballou no National Center for Atmospheric Research dos Estados Unidos, desenvolvendo instrumentación para diferentes telescopios terrestres e misións espaciais. Entre 2008 e 2018 foi responsábel científico do proxecto para o futuro Telescopio Solar Europeo. Ademais, é un dos fundadores do popular podcast científico “Coffee Break: Señal y Ruido”.
Agrupación Ío