Ir o contido principal
iniciar sesión

O primeiro torneo autonómico de League of Legends promove o coñecemento e o ocio ao redor dos videoxogos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social promove o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos a través da organización do primeiro torneo a nivel autonómico do coñecido xogo LOL (League of Legends). A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou esta iniciativa hoxe no Espazo Xove de Noia acompañada por representantes da Asociación Xuvenil La Grotta, que se encargarán de xestionar in situ o programa.

Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que terá lugar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación de mozos e mozas da zona e da contorna próxima.

Antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos. Posteriormente dará comezo o encontro, cuxo número de equipos dependerá da poboación do concello onde se sitúa cada Espazo Xove. Deste xeito, nos concellos con máis habitantes poderán participar ata un máximo de catro equipos, mentres que nos de menos poboación a competición será entre dous equipos. Cada equipo estará conformado por cinco mozos/as, dos cales unha persoa actuará como capitán.

Tras esta fase inicial, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Xunta de Galicia.

Inscrición

Neste programa poderán participar mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, ambos inclusive, que se organizarán en equipos de 5 persoas, ata un máximo de 32 equipos. A admisión dos equipos para poder participar nesta competición realizarase por estrita orde de inscrición a partir de hoxe ás 16.00 horas.

As inscricións, que se poderán rexistrar ata tres días antes do inicio da competición en cada Espazo Xove, realizaranse a través do formulario correspondente na web de Xuventude. A persoa que actúe como capitán do equipo deberá cubrir este formulario, achegando o DNI dos demais membros do grupo. A maiores dos cinco membros de cada equipo, poderanse rexistrar outros cinco suplentes.

Toda a información do programa pode consultarse no seguinte enderezo web xuventude.xunta.es.
Xunta de Galicia