Ir o contido principal
iniciar sesión

Tecnópole lanza 'Ciencia e Tecnoloxía en Feminino' para impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas

A primeira xornada terá lugar o venres 4 de outubro, coa participación de estudantes do colexio Maristas de Ourense. Os días 10 e 17 de outubro serán senllos grupos do Colexio Plurilingüe Divina Pastora e do IES Ramón Otero Pedrayo os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa, deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).

O programa de actividades deseñado por Tecnópole está protagonizado pola oferta de referentes ás rapazas. Por unha parte, visitarán unha exposición que fai un percorrido por 19 mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos e, por outra, terán ocasión de compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous talleres nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As ganadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía “ Que quero ser de maior?”, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

A intención da APTE e dos parques participantes na iniciativa, apopiada pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía, é aumentar a capacidade de atracción dos estudos da rama científico-tecnolóxica entre o público feminino máis novo. O obxectivo final é contribuír a un Sistema de I+DI máis igualitario en España no que se poida desenvolver o talento á marxe do xénero.
Tecnópole