Ir o contido principal
iniciar sesión

Entregados os premios 'Xuventude Crea' nas categorías de fotografía e artes plásticas

Este certame está impulsado pola Consellaría de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e dirixido a mozos ou mozas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, amosouse satisfeita de que un ano máis a Igrexa da Universidade acolla a mostra coas obras finalistas no certame. “A aposta pola innovación e pola creatividade permite que a sociedade avance e se volva cada vez máis xusta”, subliñou. Xunto a ela, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo o foco na necesidade de estimular a creatividade entre as persoas máis novas; mentres que a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel Toimil, destacou a lonxevidade dun certame que chega xa aos dez anos de historia.

Premiados

Na categoría de fotografía, foron tamén recoñecidas as obras ‘Esvaecerse (como formigas nos infinitos campos amarelos)’ de Rebeca López Villar e ‘Fría Galiza’ de Breogán Alamancos Millán, ambas as dúas galardoadas co segundo premio. Beatriz Barros Touceda con ‘Caused by humans’ e José Ramón Carreira Núñez con ‘Microhomofobia’ obtiveron o terceiro premio da categoría. Finalmente, Dennise Sánchez Vaccarello con ‘Foto carné’ e María de la Fuente Seoane con ‘Atípicos’ recibiron mencións de honra polas súas obras.

Na categoría de artes plásticas, obtiveron o segundo premio Laura Calvo González coa escultura ‘ Cormorán S.XXI’ e Eva Antelo Mata coa pintura ‘As deidades infinitas que todo o ven, todo o oen, todo o ulen’. O terceiro premio recaeu en Catuxa Negreira Cousillas coa pintura ‘Destinos Pendentes’ e María del Mar Ramón Soriano coa escultura ‘36 registros de espacios inertes’. Finalmente, recibiron mencións de honra Margot Rodríguez Salvador coa obra ‘Un vermut mezclado’ e Alejandro Sánchez Aguión pola obra ‘Autorretrato’, ambos os dous participaron na categoría de artes plásticas a través da modalidade de pintura.

Á presente edición, presentáronse un total de 69 obras na especialidade de fotografía e 45 na especialidade de artes plásticas, en concreto, 30 pinturas e 15 esculturas. De todas as obras presentadas, seleccionáronse como finalistas un total de 35, 19 delas na especialidade de fotografía, así como 5 esculturas e 11 pinturas que agora poden verse na Igrexa da Universidade.

Estímulo á creatividade

O programa Xuventude Crea é un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación. Este certame comezou a súa andaina no 2010 coa denominación Xuventude Crea, polo que neste ano 2019 cumpre dez anos. O certame pretende actuar, tal e como explican os organizadores, como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer a estes novos talentos e as súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos e mozas actividades de ocio e tempo libre saudable.

En total, esta iniciativa atópase integrada por 13 especialidades: teatro, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, cociña, fotografía e artes plásticas. Na edición do 2019, incorporouse como novidade a especialidade de danza moderna. Os premios para cada especialidade son de 3.000€ para o elixido en primeiro lugar, 1.500€ para o segundo e 1.000€ para o terceiro posto.
Universidade de Santiago de Compostela