'Ponte...nas Ondas!' entrega os premios da II Edición do Certame Imaxes do Patrimonio

Unha voda nos anos 50, no tempo onde os casamentos non celebraban no restaurante senón, moitas veces, na palleira; a desaparecida profesión dos tranviarios; familias gozando da festa da empanada; un dos primeiros trens de mercancías que pasou polo Porriño tirado por touras; repartimento de pan co burro Juanito en tempos de racionamento; o primeiro barco que chegou a Vigo despois da Guerra Civil traendo familias da emigración... Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no II Certame de Fotografía 'Imaxes do Patrimonio' convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas!
O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas. En total premiáronse oito imaxes nas categorías de ensino primario e secundario, sobre un total de trescentas cincuenta imaxes recibidas a concurso. Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Xurado e asociación agradécenlle aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación nesta primeira edición do certame. O xurado proponlle ademais a Ponte...nas Ondas! que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.
As imaxes premiadas
Era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
A lista de gañadoras é a seguinte:
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Yaiza Marina González de oliveira CEIP A Ponte (Lugo)
2º Premio: Abel González Ramilo CEIP da Cruz.Camos (Nigrán)
3º Premio: Ada Goyanes. CEP Sabarís (Baiona)
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Rocío Dagraza Alonso.IES de Mos (Mos)
2º Premio : María Fernanda Fernández Gómez. IES de Valadares (Vigo)
3º Premio: Ana Romero Rodríguez. IES Terra de Turonio (Gondomar)
Accesits: Lucía Fernández Pérez IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)
Yashira Álvarez Ramírez . IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)
Premio Especial á escola que enviou o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases do Certame teñan grande relevancia polo seu contido: CEIP San Ramón de Moeche
As imaxes gañadoras e participantes poden visualizarse ao completo desde esta ligazón:
http://escolasnasondas.com/certame2019-fotografias-recibidas/
Máis de vinte anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, organizadora do certame, leva máis de vinte anos traballando na divulgación do Patrimonio Inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado en anos anteriores nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación. Un vizoso material que pode atoparse na web www.opatrimonio.org.
Ponte...nas Ondas!