Ir o contido principal
iniciar sesión

O programa Xuventude Crea premia a narrativa de tres mozas e mozos

A Consellería de Política Social deu hoxe a coñecer os gañadores do Xuventude Crea na modalidade Relato Breve. O primeiro galardón foi para a lucense Nerea Pallares pola súa obra A espera, mentres o segundo e o terceiro premio levárono o vigués Miguel Cavadas por O Camposanto e Iago Fernández, de Narón, por Oh Capitán, meu capitán!, respectivamente.

O programa Xuventude Crea ten por finalidade poñer en valor o talento, a creatividade e a innovación da xente nova en 13 especialidades distintas. Estas son: Artes plásticas, Banda deseñada, Cociña, Fotografía, Graffiti, Música, Poesía, Relato breve, Danza moderna, Videocreación, Teatro, Deseño de xoias e Moda. Os premios en cada unha das categorías son de 3000 euros para o gañador, 1500 euros para o segundo e 1000 euros para o terceiro clasificado.

Un total de 381 mozos e mozas residentes todos eles en Galicia, participaron na edición deste ano do programa cos seus diferentes proxectos e creacións. Esta iniciativa vai dirixida a estimular o enxeño e a imaxinación da mocidade. Os participantes non poderán ser profesionais e, agás nas categorías de teatro, música, graffiti, cociña e danza moderna, deberán presentar proxecto a título individual.

Premios nas modalidades de Poesía, Graffiti, Música e Videocreación

Tamén se coñecen xa as gañadoras e gañadores doutas dez categorías. Na modalidade de Poesía o primeiro premio foi para Hugo Lozano Hermida, de Vilalba, pola obra Muíño de Medianoite. O segundo premio recaeu na ourensá Natalia Umpiérrez Suárez, co poema No exilio da marxe; e en terceiro lugar quedou Laura López Esteban, de Lugo, con Berce.

Na de Graffiti o primeiro premio foi para Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera (Baiona) pola súa obra Cor de corral. En segundo e terceiro lugar quedaron Margot Rodríguez Salvador (Pontedeume) con Leonesa con bengala e Fernanda Rodríguez Miguelez (A Coruña) con Camiñando entre nos, respectivamente. Tamén se concedeu unha mención de honra a Adrián Lomba Balea (Vigo) pola obra Octopoda grafitae.

Na categoría de Música, o gañador foi Sherchelios (Vigo) coas cancións Cantiga de sal e Inverno en Cangas. En segunda posición quedou Golden Wolves (Xinzo de Limia) coas cancións GZ e Savage. E o terceiro galardón foi concedido de forma compartida a Denis (Vigo) con Figuras molladas e Supreme e a Queridiño (O Carballiño) con Poniente e Your name.

A final do apartado de Videocreación quedou como primeiro clasificado Paula Valiño Rivera (Ames) con Reciprocidade: entre o medo e a vontade. O segundo posto conseguiuno Nicolás Vázquez Ben (Vigo) coa proposta Fuga e o terceiro Catuxa Negreira Cousillas (Santiago) con Metamorfosis.

Gañadores en Moda, Danza, Deseño de xoias e Teatro

Na especialidade de Moda participaron dez mozas e mozos dos que seis chegaron a esta fase final. O primeiro premio foi para Noelia Tojeiro, das Pontes, coa creación Tomba. En segundo e terceiro lugar quedaron a pontevedresa Alba Vidal con Eva00 e Ángel López Pérez, de Marín, con The Messengers, respectivamente.

En Danza, Ana Rodríguez Salgueiro (Baiona), coa obra Exilio, é a primeira vencedora desta modalidade que se convocou este ano por primeira vez. O segundo premio recaeu en Antón López Yanguas e Germán Manuel García Flores, dous mozos de Culleredo que puxeron en escena a obra Mangüeiro. E en terceiro lugar quedou Suevia Rojo Moure (Ames) con Fío de prata.

Na modalidade de Deseño de xoias participaron 16 rapazas e rapaces dos que dez chegaron á final. O primeiro posto foi para Sergio Pazos de Porto do Son pola súa proposta Mares de prata. En segundo e terceiro lugar quedaron o santiagués Alexandro Castañón con Axóuxeres e Adriana Olveira Rego, tamén de Porto do Son, coa creación Nimbos, respectivamente.

Na categoría de Teatro, o primeiro premio foi para a compañía Gacela Teatro, de Pontevedra, pola súa obra Palabras encandeadas. En segundo lugar quedaron as representacións de Farándula Velutina, de Corcubión, de Papiroflexia e Solo teatro, de Ourense, con Da cor do leite. Por último, o terceiro posto será compartido entre La Barata, de Santiago, coa creación Solo de triángulo en Re, 2º movemento, 3ª parte. Allegro (pero non tanto) e Faísca Teatro, de Vigo, con O que che comentei mentras facías que durmías.

Primeiros clasificados en Artes plásticas e Fotografía

Na especialidade de artes plásticas os gañadores foron: primeiro premio, a pintura A destrución de Adán de Carlota Álvarez Feijóo (Piñor); segundo premio compartido entre a escultura Cormorán S.XXI de Laura Calvo González (Cesuras) e a obra As deidades infinitas que todo o ven, todo o oen, todo o ulen pintada por Eva Antelo Mata (Santa Comba); o terceiro premio, tamén compartido entre a escultura 36 registros de espacios inertes de María del Mar Ramón Soriano (Ourense) e a pintura Destinos Pendentes de Catuxa Negreira Cousillas (Santiago). Por último a mención de honra foi para as obras pictóricas Autorretrato de Alejandro Sánchez Aguión (Santiago) e Un vermut mezclado de Margot Rodríguez Salvador (Pontedeume).

E na modalidade de Fotografía os premiados foron: primeiro premio compartido polas obras Cartografía do esquecemento de Ariadna Silva Fernández (A Estrada) e Non estou tola, a miña realidade é diferente á túa Alva Vidal Capón (Tui); o segundo premio foi para Esvaecerse como formigas nos infinitos campos amarelos de Rebeca López Villar (Vigo) e Fría Galiza de Breogán Alamancos Millán (A Pobra do Caramiñal); o terceiro premio tamén se compartiu entre Caused by humans de Beatriz Barros Touceda (A Estrada) e Microhomofobia de José Ramón Carreira Núñez (Betanzos). As obras Foto carné de Dennise Sánchez Vaccarello (Pontevedra) e Atípicos de María de la Fuente Seoane (Teo) recibiron a mención de honra.
Xuventude Crea