Ir o contido principal
iniciar sesión

XuvenCiencia, un proxecto 'top' para a FECYT

Trátase dun foro orientado ao estímulo de proxectos de investigación científica desde a aula a través do emprego de diversos ‘kits’ previamente elaborados por profesores e investigadores da sede universitaria luguesa.

Os docentes de ensino medio das áreas de Bioloxía, Xeoloxía, Tecnoloxía ou Ciencias da Terra e do Medio Ambiente interesados en participar nas VI Xornadas XuvenCiencia para profesorado aínda poden formalizar a súa inscrición no formulario habilitado en liña. As actividades programadas no marco destas xornadas capacitan aos participantes para levar adiante auténticos proxectos de investigación a partir da experimentación, a recollida de datos, a observación e o seguimento rigoroso do método científico. As actividades propostas para cada un dos kits de XuvenCiencia están adaptadas aos distintos niveis dos currículos preuniversitarios e, asemade, son apropiados para o STEMBach e os clubs de ciencias.

O proxecto XuvenCiencia, coordinado pola profesora de Química Física do Campus de Lugo Mercedes Novo, incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, este proxecto vén de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

A experiencia XuvenCiencia é enteiramente práctica e baséase en 6 kits para a investigación nas aulas desenvolvidos por profesorado de Veterinaria, Química ou Enxeñaría Agroforestal do Campus de Lugo, e a través dos que se forma ao profesorado realizar proxectos de investigación científica de rastreo da humidade do solo –grazas ao kit AquaLab—, diagnóstico veterinario –co kit Animal CSI— e de cultivo de árbores in vitro, co kit Vitroplant. As persoas interesadas aínda poden acceder ás últimas unidades destes dispositivos, pero o resto dos kits ofertados na presente edición (DNA-Meat, Fotometrix e Photonics Explorer) xa están esgotados logo dunha moi boa acollida.

Daquela, os tres equipamentos científicos do programa XuvenCiencia que aínda están dispoñibles son o kit Vitroplant, que permite o cultivo de árbores in vitro; AquaLab, a través do que se pode medir a humidade dos solos e rastrear o cambio climático, e CSI Animal, un kit que introduce e achega ao alumnado ao diagnóstico veterinario.
Universidade de Santiago de Compostela