Os Bolechas presentan 'Nadal sen neve'
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística estiveron na presentación da xira Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, e Antonio Cortés, director de Mercadotecnia de Gadis, as dúas entidades que un ano máis colaboraron para facer posible este proxecto. Arias felicitou os Bolechas polo seu 20 aniversario e tamén por levar a escena este ano un tema de tanta importancia como é a necesidade de reducir a contaminación e loitar contra o cambio climático. “Nacións Unidas vén de marcar 17 obxectivos de desenvolvemento sostible e a TVG fixo deses obxectivos a súa bandeira, polo que estamos moi orgullosos de poder colaborar nesta iniciativa que incide nunha desas metas: a loita contra o cambio climático”, dixo Xaime Arias. Tamén Antonio Cortés mostrou a súa satisfacción porque Gadis colabore un ano máis cos Bolechas e recordou que a compañía que representa “está a levar a cabo máis de 300 actividades de apoio á lingua galega”.
Pola súa banda Tomás Valín, da Editorial Bolanda, agradeceu a todas as entidades que “un ano máis fan posible levar a ilusión a decenas de familias galegas que esperan con expectación a xira de nadal dos Bolechas”. A xira comezará en Curtis o 21 de decembro e rematará o día 30 en Redondela. En total oito localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) poderán gozar desta nova proposta dos Bolechas.
Nadal sen neve
É Nadal e os Bolechas están na casa, porque vai moitísimo frío. Entón escoitan na televisión que un informe da axencia europea do medio ambiente sitúa o noroeste peninsular como unha das zonas que máis se verán afectadas polo quecemento do planeta. Os Bolechas fican arrepiados e van chamar o seu amigo o científico Estroncio Potasio que co seu aparello cuántico acelerado vai provocar algo terrible. De súpeto aparece un Lixontropo, unha das consecuencias do cambio climático. A Lixontropo encántalle a calor polo nadal e tamén comer fume de coche, cueiros, porcalladas e… Lixo, lixo, lixoooo! Poderán facer algo os Bolechas?
Programación
21 DE DECEMBRO: CURTIS
Salón Multiusos do Recinto Feiral de Curtis Horario: 17 h
22 DE DECEMBRO: PADRÓN
Auditorio Municipal Horario: 18 h
23 DE DECEMBRO : CAMBADOS
Salón de Congresos e Exposicións José Peña Horario: 17.30 h
26 DE DECEMBRO : CUNTIS
Centro Socio Cultural e Xuvenil José Raído “Patelas” Horario: 18 h
27 DE DECEMBRO : VIANA DO BOLO
Casa da Cultura de Viana do Bolo Horario: 19 h
28 DE DECEMBRO: POBRA DO BROLLÓN
Casa da Cultura Olga Novo Horario: 18 h
29 DE DECEMBRO : OUTES
Auditorio da Casa da Cultura Horario: 19 h
30 DE DECEMBRO : REDONDELA
Multiusos da Xunqueira Horario: 18.30 h
20 anos cos Bolechas
Os Bolechas celebran o seu 20 aniversario. O primeiro libro da popular familia creada por Pepe Carreiro viu a luz no ano 2000. Desde entón, con máis de 650 títulos publicados e máis de 1.750.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de fans que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.
Asemade, Os Bolechas falan sempre en galego, de forma que contribúen á divulgación e á formación da poboación infantil na lingua propia, e sempre mediante o pracer e o divertimento. Isto converteunos nun referente e na serie de maior éxito da historia editorial de Galicia.
20 anos compartindo aventuras, soños e ilusións!
Os Bolechas