Ir o contido principal
iniciar sesión

O ciberactivismo permite unha petición rápida de axuda en situación de máxima gravidade. Diana Casellas, a responsable de campañas de Intermón-Oxfam, explicou en Volunet os tipos de mobilizacións a través da Rede

Os principias retos do voluntariado on line son o de superar a exclusión social, acadar un completa interacción entre todos os implicados e lograr un compromiso real máis alá da acción click. Estas propostas foron as principais conclusións da intervención de Diana Casellas, responsable de comunicación de Campañas de Intermón-Oxfam, que abriu a xornada da tarde do Congreso Internacional de Voluntariado e Novas Tcenoloxías.

Casellas explicou ademais que “o ciberactivismo contribúe a minimizar as inxustizas do Sur, porque o Norte pode movilizarse mellor”. Neste senso, esta membro de Intermón recordou a importancia que teñen as chamadas a través de Internet no caso de situacións urxentes, como o caso do tsunami en Asia.

A ponente comentou que “polo momento o formato na Rede hai que complementalo con outras accións máis tradicionais, para que poidan chegar a todo o mundo, como foron os casos das mobilizacións de comercio xusto, que facían referencia á situación laboral das mulleres que traballan no textil, ou a de protesta polo tráfico de armas”. “Estas campañas non dan un resultado inmediato, son lentas, pero hai que seguir insistindo”, explica Casellas.

Volunet contou tamén coa presenza de Javier Candeira, editor e socio fundador de Barrapunto, sitio de referencia en español sobre software libre e política dixital. Candeira centrou a súa intervención na idea de que os dereitos de autor, que con frecuencia se formulan como unha forma de defensa dos creadores fronte ao mercado, favorecen a uniformidade cultural, industrial e económica.

Na súa opinión, o software libre constitúe un traballo en común e pode ser utilizado para axudar tanto ás persoas coas que se traballa nas labores de voluntariado, como ás propias organizacións que desenvolven esas actividades solidarias.

O ponente explicou que todo o que non é material se pode compartir sen perdelo (“se dúas persoas ven unha película xuntas, as dúas a ven enteira, non a metade cada unha”), e insitiu en que esta idea foi formulada de xeito similar ao longo da historia por persoaxes moi dispares, como San Agustín, Thomas Jefferson ou Bernard Shaw. Nesta liña, citou unhas palabras do cantante e ministro de Cultura de Brasil, Gilbeto Gil, quen afirmou que “o software libre é básico e fundamental para que teñamos liberdade e autonomía no mundo dixital do século XXI”.

En opinión de Candeira, que traballa como voluntario no proxecto de traducción e transposición de Creative Commons ao español, o software libre outorga catro libertades: a de usalo, a de axudar ao veciño dándollo, a de axudarse a un mesmo estudiándoo e modificándoo, e a de colaborar coa comunidade distribuíndo os cambios.

CARMEN LAVIÑA

O terceiro sector está a ser o protagonista do achegamento entre a sociedade da información e a comunicación. Así o manifestou a presidenta da Plataforma Española do Voluntariado, Carmen Laviña.

A ponente insistiu na importancia que está a ter o desenvolvemento das actividades solidarias en España. O terceiro sector constitúe actualmente o 6% do Producto Interior Bruto (PIB), un eido no que traballan aproximadamente 500.000 persoas, sen contar cos miles de voluntarios que colaboran cada día.

Segundo a conferenciante, este avance “non é máis que a concienciación da empresa da necesidade de devolver á sociedade o que esta lle xerou”.

Laviña amosou algunhas das vantaxes que proporciona o voluntariado on line, como a de extender esta labor a xente que antes non podía exercelo por diferentes motivos, por exemplo persoas con algunha discapacidade física. Ademais supón unha maior eficacia nas ONG, gracias a ferramentas básicas, e permite que con pouco presuposto se poidan explotar moitos recursos.

Pero para a ponente, “sen dúbida unha da maiores aportacións do voluntariado ás novas tecnoloxías é a inclusión dos valores humanos na Rede”.

Na súa intervención, Laviña reclamou tamén a necesidade de establecer unha alianza entre medios de comunicación e organizacións non gubernamentais. Para a presidenta da Plataforma Española do Voluntariado, “se os medios non se fan eco da participación solidaria, estanlle a facer un fraco favor á sociedade”.

Neste senso, dixo que “de todas formas coa incorporación das novas tecnoloxías nas ONG, estas dependerán menos dos mass media e poderán ter unha comunicación máis directa ca cidadanía”.

A ponente incidiu tamén na importancia de saber utilizar as comunicacións, que, na súa opinión, deben servir para superar a brecha dixital e a exclusión social, non só a existente entre os diferentes países, senón entre distintos colectivos dunha mesma rexión ou estado.

Ademais reclamou maior educación e formación para o manexo da informática e unha maior comunicación cos sectores máis desfavorecidos para saber qué papel representan para eles as TIC. Segundo Laviña “moitas veces non nos damos conta de que estamos a falar nunha linguaxe diferente e non establecemos a empatía necesaria”.

A conferenciante rematou coa petición de que “debemos establecer unhas rampas que nos conecten a toda a humanidade e que representen valores humanitarios para acadar unha sociedade máis xusta”.

CIBERVOLUNTARIO

Tras a intervención de Carmen Laviña, Ismael Peña, director de desenvolvemento da Universitat Oberta de Cataluña (UOC), abordou os factores de tempo e coñecemento dentro do voluntariado virtual, demostrando que a maior coñecemento, máis fácil e posible é a función do cibervoluntario.

Peña explicou os principais papeis que pode desenvolver un voluntario virtual, entre os que se atopa a sensibilización, o asesoramento e consultoría, os proxectos presenciais e o e-learning solidario.

Ademais, insistiu en que gracias á expansión do voluntariado virtual é posible que moitas persoas non marchen dunha ONG por falla de tempo ou por cambio de localidade, incorpóranse novos coñecementos á organización, incrementáse o número de proxectos e existe unha maior independencia respectos aos organismos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia