O ránking URAP sitúa a USC na posición 456 de entre 3.000 universidades de todo o mundo
Segundo sinala o propio ránking, a súa clasificación baséase en datos obxectivos obtidos de fontes abertas, concretamente de Web of Science e InCites. Para a ordenación dos datos toma como referencia seis indicadores de rendemento académico para o período 2015-2019 como son o número de artigos publicados (21% da nota global), citacións (21%), numero total de documento publicados (10%), impacto total por artigo (18%), impacto total das citacións (15%) e colaboracións internacionais (15%). Todos estes datos estarían referidos á produción científica contabilizada no período 2015-2019. A Universidade compostelá acada os seus mellores rexistros no apartado de citacións e artigos científicos, así como no impacto total por artigo.URAP preséntase como unha organización sen ánimo de lucro establecida dende 2009 no Informatics Institute of Middle East Technical University. O seu obxectivo principal é o de desenvolver un sistema de clasificación para as universidades mundiais baseado en indicadores de rendemento académico que reflictan a calidade e a cantidade das súas publicacións científicas.
Google Scholar
O CSIC tamén acaba de facer pública unha versión beta da súa clasificación de universidades máis citadas en base a perfís de Google Scholar. A USC está situada na sétima posición de entre as españolas (58) e na posición 213 do conxunto de institucións de todo o mundo recompiladas nesta listaxe, un total de preto de 4.000 universidades.
Universidade de Santiago de Compostela

