Ir o contido principal
iniciar sesión

A UDC inaugura unha nova edición do programa de emprendemento universitario Explorer by Santander X

No acto, que se puido seguir a través da plataforma Teams, participaron o director de Institucións Territoriais de Galicia do Banco Santander, Luis Pernas Hermida, o presidente da delegación coruñesa da Asociación de Seniors Españois para a Cooperación Técnica (SECOT), Gonzalo Arias Barrientos, e os coordinadores do UDC Explorer Space nos campus da Coruña e de Ferrol, José Rodrigo Sanjurjo Amado e Inma Muñoz Pliego, respectivamente.

O programa Explorer “Jóvenes con Soluciones” está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos que, ao longo de 12 semanas de formación en liña, traballarán nun proxecto da súa elección para atopar unha solución sólida, viable e sustentable enfocada a resolver problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030 fixados polas Nacións Unidas, tales como a fin da pobreza, unha educación de calidade, a igualdade de xénero, unha enerxía alcanzable e non contaminante, un traballo digno, a redución de desigualdades, a promoción de cidades e comunidades sustentables, a produción e o consumo responsable, accións polo clima e a creación de alianzas para acadar obxectivos comúns.

Nesta XI edición, serán un total de 53 mozos e mozas, maioritariamente alumnos e exalumnos da Universidade da Coruña, quen reciban a correspondente formación en liña no UDC Explorer Space do Campus da Coruña e, por primeira vez, no de Ferrol. Os seus proxectos serán mentorizados por persoal docente e investigador da UDC e máis por varios integrantes da delegación coruñesa da Asociación de Seniors Españois para a Cooperación Técnica (SECOT). Os integrantes dos dous proxectos mellor valorados, un por cada UDC Space Explorer, viaxarán ata Lisboa onde continuarán formándose nun HUB de innovación europeo a partires de xullo de 2021.
Universidade da Coruña