Ir o contido principal
iniciar sesión

Releva, Foro Internacional de Fotorreportaxe e Sociedade, celébrase en Oleiros este verán

O concello de Oleiros, seguindo a súa dinámica de levar a cabo iniciativas sociais e culturais que redunden nunha maior toma de conciencia e sensibilización social sobre os problemas e distintas situacións denunciables no mundo, leva a cabo unha nova iniciativa que, coma outras, terán carácter internacional. Trátase, neste caso, de “Revela”, un evento que impulsará o encontro entre a realidade social e a cidadanía, tomando como canle de expresión a fotografía.

“Revela” é un foro internacional de fotorreportaxe e sociedade, que terá lugar do 24 de xuño ó 15 de xullo deste ano, na súa primeira edición. Exporanse imaxes dos máis salientables fotógrafos de todo o mundo, das principais axencias fotográficas internacionais, e dos medios de comunicación de maior repercusión social.

“Revela” presenta, nesta primeira edición, como tema central de todo o evento, “as migracións”, un tema de plena actualidade e afectación social en toda a súa extensión, e que pode ser mirada dende distintos ‘focos’ de atención. Pero os contidos centrais dos vindeiros anos, virán dados polo tema que anualmente, consiga os votos do Xurado Internacional que estará constituído ó efecto, e que acade a “Bolsa de Traballo” para realizar un proxecto de fotorreportaxe de denuncia.

Exposicións nos espazos públicos de Oleiros

“Revela” presenta varias exposicións fotográficas con imaxes en gran formato, instaladas durante as 24 horas do día nas rúas, parques e prazas de Oleiros. Este ano, estas exposicións serán:

• “Inmigración, un fenómeno mundial”. Unha escolma das mellores imaxes dos correspondentes da Axencia Reuters no mundo.
• “El Estrecho”. Un traballo realizado polos destacados fotógrafos de Reuters, Juan Medina, Antón Meres e Rafael Marchante.
• “Afrogalegos”. De Xulio Villarino, (Premio Luis Kasado, World Press Photo e outros). Este traballo inédito é un exemplo de integración positiva de caboverdianos no pobo de Burela (no norte de Lugo, en Galicia).
• “Tráfico de esclavas”. De Lorena Ros, que nos mostra nas súas imaxes o tráfico de mulleres keniatas que son sometidas a un rito vudú en Nixeria como presión sicolóxica para encadealas ó pago de débedas de uns 50.000 dólares, véndose obrigadas en moitos casos a exercereren a prostitución en Europa (Francia e España principalmente).
• “Galegos na diáspora”, do fotógrafo galego Delmi Álvarez que, dende a súa experiencia vital como galego emigrado a Letonia, recolle neste traballo de varios anos, a vida dos novos emigrantes galegos.

“Revela” convoca milleiros de palabras refuxiadas en cada imaxe e, para iso, abre un diálogo onde estean presentes os fotógrafos, organizacións implicadas, a cidadanía de Oleiros, voluntarios, comunicadores, intelectuais…

“Revela” convidará a personalidades de soa para participar en diálogos, obradoiros e encontros, para así contribuir á reflexión e á renovación do pensamento.

“Revela” ten apalabrada xa -e está a xestionar nalgúns casos- a presenza de amigos como Bob Strong, Lorena Ros, Fernándo García, Manolo López, Samin Naïr, José Luís San Pedro, Ignacio Ramonet, Ramón Villares, Eduardo Galeano ou Juan José Millás.

“Revela” promove o compromiso como principio creativo, e a fotografía como acto e motivo de reflexión.

Bolsa de Traballo

“Revela”, en consecuencia, crea unha “Bolsa de Traballo” de 12.000 € que achega o Concello de Oleiros, para realizar unha reportaxe que se expoñerá o ano seguinte ó da convocatoria, e que marcará o tema central do foro dese ano.

“Revela” non ten carácter competitivo, aposta pola igualdade de oportunidades e primará a solidariedade, a calidade humana e a técnica do proxecto presentado.

“Revela” transformará Oleiros nun gran lugar de encontro internacional arredor da fotografía durante vinte días onde, ademais das exposicións, conferencias, mesas redondas, visitas guiadas, etc, os veciños e os visitantes poderán gozar de proxeccións audiovisuais nocturnas nas praias, parques e prazas do Concello; un certame fotográfico para o alumnado da E.S.O. de Oleiros e Obradoiros impartidos por fotógrafos de recoñecido prestixio e dirixidos a fotógrafos, universidades, escolas e empresas da imaxe e, en xeral, ás persoas afeccionadas ou interesadas nesta actividade e sensibilizada ante o contido do proxecto.

“Revela”, con este evento do ano 2005, inicia un camiño e desenvolve un proxecto cultural internacional que, partindo da imaxe, expón, promove, comunica e convoca á reflexión e ó debate social e libre, coa intención de formar unha sociedade reflexiva, comprometida e con opinión.

Colaboracións

“Revela” conta coa colaboración principal da Fundación Paideia e da Obra Social de Caixa Galicia. Conta tamén coa participación de entidades e empresas como Macrom, a Fundación Araguaney, a Revista Foto, Haley, Foto Artús, CG Produccións e Itínere.

Apoios recibidos

“Revela” recibíu tamén o apoio expreso de personalidades como Eduardo Galeano, José Saramago, Luís Eduardo Aute, Manuel Rivas, Enma Bonino, Mercedes Peón, Emilio González Afonso, Miguel de Lira, Paloma Berganza, Xulio Correa, Federico García Cabezón, Manuel Sendón, Xoan Piñón, Lee Fontanella, Aurelia Lombao, José Caruncho, Gervasio Sánchez, Pablo Milanés ou Delmi Álvarez, entroutros moitos; e de entidades como o Consello da Cultura Galega, Museo de Pontevedra, Universidade da Coruña, CEIDA, CEGAI, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo e Academia Galega do Audiovisual.

“Revela” espera seguir incrementando apoios e colaboracións, e considera de fundamental importancia o papel que xogan os medios de comunicación na difusión deste proxecto que é xa unha realidade.






Carmen Carballo -comunicacion -Oleiros