A Amtega pon en marcha a quinta edición do programa 'Tecnólog@ por un día'
Nesta edición, retómase a presencialidade do programa e ofreceranse 66 prazas, grazas a colaboración de 6 empresas tecnolóxicas que, xunto coa Amtega, posibilitarán a experiencia de acoller a “Tecnólog@s por un día”: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Corporación Televés.A quinta edición, avalada polo éxito das anteriores, brindará aos participantes unha xornada de inmersión na realidade do traballo de profesionais do sector TIC, que compartirán os seus proxectos, ferramentas e coñecemos cos participantes, resolverán inquedanzas vocacionais e darán a coñecer as capacidades que demandan as empresas do sector.
Un ano máis, máis tecnólog@s
Ata o 3 de novembro permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar da actividade, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada empresa colaboradora no programa, así coma a súa localización.
Na mesma web tamén se atopa dispoñible a documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo, e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e horario da xornada que resulte conveniente para ambos.
Durante os meses de novembro e decembro, as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes, que poderán coñecer así de primeira man as dinámicas das profesións TIC, e participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.
Nova edición de DigiTalent, con actuacións dirixidas á infancia e á adolescencia
A nova edición do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022 segue a poñer o foco en desenvolver iniciativas que esperten as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás.
Neste senso, o catálogo do Plan activa novas actividades neste outono para impulsar o talento dixital entre os máis pequenos: Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, dúas iniciativas impulsadas pola Amtega en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) enmarcadas nun convenio subscrito para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.
Ciberseguranza Kids, difundindo a ciberseguridade entre os máis pequenos
Ciberseguranza Kids busca difundir o uso seguro de internet entre nenos e nenas de entre 3 e 12 a través do contacontos “Ciberseguridade con Sofía”. A actividade está a percorrer máis de 15 centros escolares das catro provincias galegas e rematará coa publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.
Nova edición de Encontros con Profesionais TIC
Ademais, xa está en marcha o programa Encontros con profesionais TIC, que ofrece aos rapaces e rapazas de 6 a 18 anos encontros en streaming con profesionais do ámbito tecnolóxico aos que lles poden formular as súas preguntas e inquedanzas sobre temas como a intelixencia artificial, o desenvolvemento de software ou a informática na saúde.
Toda a actualidade sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web Digitalent, que ofrece información actualizada sobre as datas, localizacións e instrucións para a participación sobre as actuacións a medida que estea dispoñible.
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

