Unha xornada organizada pola UDC resalta as capacidades investigadoras de Galicia na transición dixital da cultura e o patrimonio
A transición dixital na cultura e o patrimonio centrou a xornada “Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia” celebrada no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.O encontro, organizado polo Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), reuniu a un amplo grupo de investigadores das tres universidades galegas, así como aos directores do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Ao longo da mañá, presentáronse as liñas de investigación e proxectos relacionados coa transición dixital na cultura e o patrimonio nos que se están a traballar nos principais centros de investigación de Galicia.
Así mesmo, a xornada contou na súa conferencia inaugural coa participación de Sander Münster, profesor de Humanidades Dixitais na Universidad Friedrich Schiller de Jena (Alemaña). Sander Münster afondou sobre as tendencias e desafíos actuais do emprego das tecnoloxías 3D para a investigación e a educación en humanidades e presentou as perspectivas de investigación e as actividades da máquina do tempo da Unión Europea e os proxectos anteriores e en curso da súa cátedra.
O encontro puxo de relevo as capacidades do sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia en temas como os videoxogos, a lingua, a cartografía, a visualización de datos ou a historia contemporánea, entre moitos outros, e afondou na identificación dos retos e oportunidades aos que facer fronte.
O encontro foi clausurado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; a directora da Área de Administración Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), María José García Sexto; e o secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.
Universidade de Santiago de Compostela

