O investigador da UDC Jesús Mosquera describe na revista Science un fenómeno químico nunca observado antes que excede os límites da razón
O pasado 8 de xullo, Jesús Mosquera, investigador Ramón y Cajal no grupo NanoSelf do CICA da Universidade da Coruña (UDC), publicou un artigo en Science, unha das revistas científicas máis prestixiosas do mundo.O traballo publicado en colaboración coa Universidade Tecnolóxica de Eindhoven (TU/e) describe un fenómeno químico nunca antes observado e que, en certa maneira, excede os límites da razón. Os investigadores descubriron que, engadindo máis auga a unha disolución acuosa de certos compoñentes (sol), sorprendentemente a mestura pasa a estado sólido (xel).
Trátase dun resultado totalmente imprevisto, xa que se esperaría que, a maior cantidade de disolvente engadido, máis líquida quede a mestura. Non obstante, os investigadores demostraron que isto pode non ser así, e a este fenómeno o denominaron “transición sol-xel”, xa que hai unha transformación dun estado a outro. «Basicamente rompemos o mito de que a disolución conduce a unha menor interacción entre moléculas e, polo tanto, a un estado máis líquido, onde as moléculas quedan diluídas. Neste traballo, atopámonos un bonito exemplo do contrario debido á interacción entre dous sistemas [supra]moleculares con estruturas químicas completamente diferentes» explica Mosquera.
O termo supramolecular alude a aquelas moléculas capaces de interaccionar consigo mesmas, e con outras moléculas, para formar complexos por medio de enlaces débiles reversibles. Nas nosas células atópanse estes complexos moleculares desempeñando roles fundamentais para a supervivencia, como a división celular ou a replicación do ADN. Así, este mecanismo de interacción, a primeira vista contraintuitivo, podería explicar certos fenómenos que ocorren de maneira natural no noso organismo. Por exemplo, sábese que existen orgánulos sen membrana que regulan procesos vitais para a célula, como os corpos de Cajal ou os gránulos de estrés. Como se forman ou como se dilúen son preguntas que están sen responder, e o descubrimento in vitro deste fenómeno podería ser clave para entender estes condensados biomoleculares.
Como moitas veces ocorre en investigación, uns experimentos derivan en outros insospeitados, e é que os autores do traballo, Jesús Mosquera e a súa colega Lu Su, fixeron esta observación por casualidade. «Estabamos avaliando a interacción entre dúas unidades tipicamente usadas na química supramolecular cando nos atopamos con este fenómeno», recoñece Mosquera.
Sobre o CICA
O CICA é o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía creado na Universidade da Coruña en 2015. Conta con máis de 150 investigadores/as organizados/as en tres áreas científicas que van desde a biomedicina ata a ciencia dos materiais. A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilización da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
Universidade da Coruña

