A Universidade da Coruña elixe novo Reitor este luns entre Ricardo Cao e Fermín Navarrina

Están chamadas a votar un total de 18.760 persoas. O voto para a elección de Reitor será ponderado de conformidade coas seguintes porcentaxes:
Sector A. Profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade, cun censo de 854 docentes: 51%
Sector B. Resto do persoal docente e investigador, cun censo de 780 persoas: 12%
Sector C. Estudantado, cun censo de 16.333 estudantes: 28%
Sector D. Persoal de administración e servizos, cun censo de 793 persoas: 9%
A participación nas eleccións a Reitor nas universidades españolas, tanto no sector de profesorado como de persoal administrativo, é moi elevada, non así no caso do estudantado, en que a media da participación está no 10%, aínda que a UDC superou con creces esta media en anteriores comicios. No caso das eleccións a Reitor na UDC en 2019 a participación alcanzou o 87% no sector de profesorado doutor con vinculación permanente; o 70% nas restantes categorías de persoal docente e investigador; o 18% entre o estudantado e o 79% no caso do persoal de administración e servizos.
As votacións efectuaranse a través da plataforma e-voto, dispoñible para as tres universidades galegas, implantada na UDC para as eleccións a Reitor desde 2015, e que conta co apoio da Xunta de Galicia como unha das iniciativas de impulso da administración electrónica. As Universidades do Sistema Universitario de Galicia elixiron a plataforma proporcionada por Scytl Secure Electronic Voting (Scytl), empresa que conta con máis de vinte anos de experiencia en Investigación e Desenvolvemento no campo do voto electrónico. Esta empresa está recoñecida como líder mundial en implementación de solucións de voto electrónico seguro en Europa, América e Asia-Pacífico, que destacan como referencias de éxito no sector do voto electrónico. Esta tecnoloxía patentada obtivo tamén importantes recoñecementos e premios internacionais.
Universidade da Coruña (UDC)