Especialistas de seis países avanzan en Ourense no reto de deseñar novos alimentos e sistemas agroalimentarios
Ferramenta "prometedora"
Segundo explican desde a súa organización, o proxecto, que rematará en decembro de 2026, xorde para entender o papel do microbioma, do conxunto de microorganismos dun ente e as súas interrelacións, no desenvolvemento sostible e como unha ferramenta prometedora para os sistemas alimentarios. Concretamente, engaden, “esta proposta marca o comezo dunha nova era que explorará o papel dos microbiomas nos sistemas de produción de trigo cun enfoque amplo, desde o solo ata a mesa”. Así, os obxectivos Wheatbiome abranguen desentrañar as interaccións do microbioma solo-planta que se poden utilizar para deseñar prácticas agrícolas sostibles, resistentes e con impacto nas características nutritivas do trigo, e a comprensión do papel das comunidades microbianas como moduladoras da calidade dos alimentos e pensos, centrándose en estudar o efecto na immunoxenicidade do trigo do solo ao prato. Tamén ten como misión a avaliación do impacto da interacción entre o microbioma humano e os compoñentes bioactivos do trigo (pre/probióticos e proteínas inmunoxénicas) na saúde dos consumidores e no sabor e a aceptación dos alimentos.
Wheatbiome, comentan desde a súa organización, aborda, no medio da crise de cambio climático actual, “o reto de deseñar novos alimentos e novos sistemas agroalimentarios utilizando o potencial microbiano e a través de actividades innovadoras”, apostando por “unha investigación de vangarda, con fortes lazos de colaboración co mundo académico, a industria, as asociacións de divulgación e as autoridades reguladoras distribuídas ao longo de seis países da UE”. Así, nel participan especialistas das áreas de edafoloxía e química agrícola, ciencia e tecnoloxía dos alimentos e nutrición, alimentación animal e ciencias veterinarias, bioloxía molecular e celular e nutrixenómica e estudos clínicos, contado ademais coa colaboración de expertos en transferencia de coñecemento, industria alimentaria e un equipo de bioinformática.
Balance do primeiro ano de traballo
Neste primeiro ano de traballo, explica Rosa Pérez Gregorio, establecéronse dous casos de estudo a nivel agrícola para avaliar o efecto das condicións meteorolóxicas, prácticas de cultivo ecolóxico (fronte a convencional), rega, tipo de solo e variedades de trigo no microbioma da planta e do solo. Un foi feito en Holanda (Wageningen) e outro en España (Zamora). “Estamos neste momento identificando as proteínas do glute, compostos bioactivos e calidade nutricional para correlacionar a inmunoxenicidade e potencialidade nutricional co microbioma e este, á súa vez, cos diversos factores citados para tentar modular estas propiedades desde o agro, dando ferramentas aos agricultores para producir trigo máis saudable e sostible”, afirma a investigadora. De forma paralela, engade, “estamos a deseñar novos alimentos co trigo recolectado e avaliaremos nesta fase o efecto da fermentación sobre a funcionalidade e impacto na saúde dos consumidores destes novos alimentos e cos subprodutos que se xeren deseñaremos pensos para galiñas avaliando nunha fase posterior o impacto na saúde das galiñas e calidade dos ovos”. O proxecto envolve moitas máis actividades e tarefas, pero actualmente, detalla Pérez Gregorio, “estamos iniciando a fase de deseño de novos alimentos ao mesmo tempo que se tenta modular, ou entender como modular, a parte agronómica”.
Universidade de Vigo