Finaliza no Campus Industrial de Ferrol a terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers
O evento tivo lugar entre as 15:00 horas do xoves 29 de febreiro e as 15:00 horas do venres 1 de marzo no Campus Industrial de Ferrol. Nel participaron un total de 55 estudantes dos últimos cursos do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), e do Grao en Enxeñaría Mecánica, do Programa de Simultaneidade do Grao en Enxeñaría Mecánica e do Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, do Máster en Informática Industrial e Robótica, do Máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, así como do Máster Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicado ao Sector Marítimo (SEAS 4.0); todos eles estudos vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Cómpre salientar a participación de 14 estudantes internacionais pertencentes ao último dos títulos citados, de 11 países distintos, como Perú, Sudán, Nixeria, Camerún, Azerbayián ou Turquía.O reto presentado por Navantia para este hackathon foi o da procura dun sistema colaborativo para a asistencia ao operario ou operaria nas tarefas de montaxe de pequenos elementos en bloques ou subloques durante as fases de armamento, grada e peirao da construción dun buque. Ao longo do evento, o alumnado contou en todo momento co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñaría para acadar a solución ao reto proposto, validando en tempo real as ideas xeradas, aos que sumaron dúas charlas motivadoras e outras actividades “enerxizantes” que permitiron manter a atención do público participante durante as 24 horas que durou o hackathon.
Presentáronse un total de 10 solucións, das que, logo da súa correspondente presentación e análise a cargo dun xurado profesional composto por persoal de Navantia, Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), foi galardoado o equipo MARLIN integrado por María Zubeldia Martínez, Bruno Brown Omlenyi, Arham Abdullah, Santiago Alonso García, Jorge Rodríguez e Iago Ferreira Carrera. Todos os integrantes do equipo gañador recibirán unha bolsa de formación en Navantia dun ano de duración.
O hackathon Navantia Next Pioneers pon de manifesto, unha vez máis, a colaboración existente entre Navantia e a Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial de Ferrol, sendo unha aposta conxunta para impulsar e dar visibilidade ao talento.
Universidade da Coruña (UDC)

