O HackforGood regresa esta semana a Vigo cunha edición 'especial centenario'

Esta edición do maior hackaton con fins sociais que se celebra en España ten como lema Imaxinemos un mundo máis sostible. A idea é que as e os estudantes matriculados en calquera grao ou mestrado impartido nas universidades inscritas se convertan en hackers ‘ForGood’, en hackes bos que, como explican dende a organización, son “persoas novas, entusiastas, positivas, con ideas e iniciativa ante o reto de resolver aqueles problemas que aínda ninguén foi quen de resolver, e facelo a través de solucións innovadoras”. Ao longo das tres xornadas, as persoas inscritas traballarán en equipos multidisciplinares, unindo coñecementos de diferentes ramas e coa axuda de mentores e voluntarios de Telefónica. O reto ao que terán que dar unha resposta poderán elixilo entre unha lista de propostas que se poderá consultar na web do evento. Unha vez arranque o hackaton, disporán de 48 horas para desenvolver unha proposta innovadora que deberán presentar ante o xurado e o resto de equipos participantes.
O hackaton arrancará o xoves 14 pola tarde, para continuar o venres ao longo de todo o día e concluír o sábado pola tarde coa presentación dos traballos e entrega de premios.
A organización agarda 1000 participantes entre todas as sedes
Aínda que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o propio día 14, a previsión da organización é que participen no evento preto de 1000 mozos e mozas, entre todas as sedes. O que se busca é que, en cada unha delas, as e os participantes traballen de xeito colaborativo en grupos de ata 8 membros, unindo coñecementos de diferentes eidos e disciplinas para “buscar solucións tecnolóxicas cun fin social, para construír unha contorna máis sostible, inclusiva e dixital”, como subliñan dende a organización.
Ademais de como hacker, tamén se pode participar neste evento como retador, é dicir enviando un reto a través da web de HackForGood ou propoñendo un problema social.
50.000 euros en premios
HackforGood conta con tres niveis de competición: un local, cun equipo gañador en cada sede; outro nacional e unha última fase que se celebra meses despois, na que compiten os tres equipos gañadores nacionais e o primeiro equipo gañador de cada sede ou cidade. A dotación total entre todas estas categorías ascende a 50.000 euros. No caso de Vigo, o proxecto gañador da fase local recibirá 1000 euros, o segundo clasificado 600 euros e o terceiro 400 euros. Ademais, a organización tamén outorga catro premios temáticos, dotados de 500 euros cada un, aos mellores proxectos de innovación enerxética e ambiental; de innovación social, de innovación e responsabilidade social empresarial e, finalmente, de transformación dixital.
Á fase nacional concorrerán os tres primeiros clasificados de cada sede, que optarán a premios dotados de 2000, 1000 e 500 euros e ademais terán a posibilidade de continuar cos seus proxectos durante uns meses para poder logo presentalos aos Premios HackForGood Big Day, que se celebran un ano despois na sede de Telefónica en Madrid e que reparten tres galardóns de 6000, 2000 e 1000 euros.
No que atinxe ás valoracións, os xurados terán en conta a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís, dende deseñadores, informáticos ou enxeñeiros, ata sociólogos, emprendedores sociais, etc... Tamén se valorará a creatividade e innovación das soluciones propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackaton e o seu impacto social.
Universidade de Vigo