Ir o contido principal
iniciar sesión

Os tres campus de especialización do SUG exploran vías de cooperación

A reunión, que tivo lugar o pasado venres, contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; Ana Isabel Ares, vicerreitora do campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC; Marcos Míguez, director do Campus Industrial de Ferrol; María Elvira López, delegada do reitor para o Campus Terra, e técnicas e técnicos dos respectivos proxectos de especialización. Este primeiro encontro celebrouse en Ourense por ser o campus máis recentemente acreditado, o pasado mes de febreiro. Por este motivo, arrancou cunha presentación do Campus Auga na que se explicou a súa evolución e principais características. Tras esta introdución, responsables e persoal técnico intercambiaron información sobre os respectivos campus de especialización e abordaron a necesidade de establecer liñas de cooperación e colaboración entre eles.

Establecendo sinerxías

A xuntanza contou co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que amosou o seu firme compromiso con esta colaboración conxunta entre os tres campus de especialización, xa que permitirá impulsar sinerxías e accións estratéxicas no eido da investigación. Así pois, esta cooperación suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados. Precisamente con este obxectivo, o Goberno galego lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal.
Universidade de Vigo