O V Congreso Internacional da Auga celebrarase do 25 ao 27 de setembro
Un programa multidisciplinar
O congreso, indican desde a súa organización, terá un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga, tales como o patrimonio hídrico, a súa xestión en empresas e turismo, e incluíndo aspectos de acuicultura e a xestión de empresas acuícolas, así como turismo deportivo e termalismo. Ademais, nel exploraranse aspectos vinculados á economía circular, a responsabilidade social e os obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto dos recursos hídricos. "A auga constitúe un recurso universal de primeira necesidade, de importancia mundial, cuxo coñecemento, xestión e uso poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global necesariamente multidisciplinar", sinalan.
Dentro da temática xeral sobre a auga, este quinto congreso internacional “propón analizar diferentes liñas de investigación, nas que se contará coa participación de especialistas de referencia que, ademais de contextualizar a materia, exporán diferentes resultados ou modelos de investigación de acordo cos seguintes bloques temáticos: actividade turística e auga, termalismo, economía circular e empresa e economía e auga”.
A cita está destinada a investigadoras e investigadores da comunidade universitaria, persoal de I+D de entidades públicas ou privadas que traballan sobre a temática da auga en diferentes escalas e persoas interesadas, estando aberto o prazo de envío de comunicacións.
Universidade de Vigo (UVigo)

