A UDC organiza o II Foro Riazor: Global Maritime Sustainability
O obxectivo das xornadas é concienciar sobre a importancia de desenvolver novas tecnoloxías de mobilidade no transporte marítimo para que sexa máis respectuoso co medio ambiente e se adapte aos retos da Axenda 2030, xa que o transporte marítimo xera máis de mil millóns de toneladas anuais de CO2, o que supón preto do 3 % de todas as emisións de orixe humana. Para cumprir cos obxectivos de redución de emisións, as compañías do sector están a investir en investigación de novas tecnoloxías que faciliten o avance cara a unha mobilidade marítima máis sostible. Algúns destes desenvolvementos tecnolóxicos mostraranse ao longo destas xornadas.O encontro contará con tres mesas redondas nas que participarán diferentes organizacións empresariais que operan na cadea de valor do ámbito marítimo. A primeira das mesas está dedicada á revisión e análise da normativa relativa á
regulación de emisións de gases de efecto invernadoiro, coa participación de voces expertas no campo lexislativo, que poñerán luz sobre o marco normativo e os retos futuros que debe abordar o sector para lograr unha mobilidade marítima eficiente.
A segunda das mesas abordará os sistemas de propulsión que permitan reducir as emisións contaminantes e o uso de novos combustibles en buques, como poden ser os motores que consomen amoníaco, metanol ou hidróxeno, así como os sistemas de propulsión híbrida con almacenamento de enerxía e mesmo sistemas de captura de CO2 ou o uso da tecnoloxía nuclear.
A terceira mesa redonda está enfocada a coñecer os perfís máis demandados e identificar novas oportunidades laborais no sector, tamén ligadas ao mundo offshore e do gas.
Ademais destas tres mesas redondas, o xoves haberá un relatorio de apertura sobre a presenza da muller no mundo mariño e a presentación de WISTA (Women's International Shipping & Trading Association).
O evento conta co patrocinio da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) da Unión Europea.
Universidade da Coruña (UDC)

