Ir o contido principal
iniciar sesión

Cinco centros de investigación da USC abren as portas á cidadanía

Desde as 10.00 da mañá e ata as 20.00 horas, persoas de todas as idades percorrerán as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS para coñecer, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web https://cienciasingular.usc.es/ desde o próximo martes 19 de novembro ás 16.00 horas. Nesta páxina estarán accesibles os programas e horarios da xornada.

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes poderán descubrir a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física ou as ciencias ambientais. Con este programa, Ciencia Singular procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás e trasladar á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros durante todo o ano.

Solidariedade coas persoas afectadas pola dana en Valencia
Diante da emerxencia xerada pola devastadora dana que afectou a diversas localidades de Valencia, os centros singulares da USC acordaron sumarse á campaña de doazóns impulsada pola Cruz Vermella. As persoas que desexen achegar as súas doazóns poderán facelo na páxina web de Ciencia Singular, no formulario de rexistro e no propio día da actividade, nos cinco centros participantes na xornada de portas abertas.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)