A taxa de desemprego descendeu en Galicia máis de cinco puntos desde 1998 e a de ocupación incrementouse en case seis

“Esta tendencia continuou este último ano”, engadiu o titular do Goberno galego, xa que Galicia foi a cuarta Comunidade na que máis medrou o número de activos e o número de ocupados, aumentando nun 2,27 por cento (fronte ao 1,8 por cento do Estado) e un 3,38 por cento (no conxunto do Estado, só un 2,74%), respectivamente. Así mesmo, entre 1998 e 2004 incrementouse o número de afiliacións á Seguridade Social en máis de 160.000 persoas, das que máis de 26.700 corresponderon ao ano pasado.
O titular do Goberno autonómico facía estas afirmacións durante a inauguración de Galiemprego 2005, a V Feira da Formación e do Emprego de Galicia, que se está a celebrar no Pazo de Exposicións e Congresos de Santiago desde hoxe ata o vindeiro 30 de abril. No acto de inauguración tamén participaron, entre outros, a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado; o conselleiro de Economía e Facenda; Xosé Antón Orza; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. A titular de Asuntos Sociais leu a Declaración Institucional con motivo da celebración do Día da Seguridade e Saúde no Traballo.
PRIORIDADES DO GOBERNO GALEGO
“A mellora do emprego e da calidade do mesmo é un dos obxectivos fundamentais da Xunta de Galicia e, neste eido, a prevención de riscos laborais, a estabilidade no posto de traballo, a igualdade de oportunidades e a formación permanente constitúen algunhas das nosas prioridades”, sinalou Manuel Fraga.
LIÑAS DE ACTUACIÓN
Por iso, a administración autonómica xa puxo en marcha diversas liñas de actuación, como o Programa Labora (encamiñado a proporcionar unha experiencia laboral dun ano, como mínimo, aos mozos menores de 30 anos que se incorporen ao mercado de traballo); a formación profesional ocupacional; a modernización do Servizo Público de Emprego; ou os programas de fomento da contratación estable e de fomento do autoemprego. Os tres obxectivos fundamentais que se perseguen son: a consecución do pleno emprego; aumentar a calidade e a produtividade do traballo; e incrementar a cohesión e a inclusión social.
Así mesmo, o presidente da Xunta lembrou a “forte aposta” do Executivo autonómico coa creación do Instituto Galego das Cualificacións, “pioneiro en todo o Estado”, que está resultando “esencial” na determinación das competencias que deben ter os traballadores e na programación e adecuación da formación necesaria para adquirir esas competencias.
Co fin de reforzar a aprendizaxe permanente, tamén se aprobou o Plan Galego de Formación Profesional que persegue, en palabras de Manuel Fraga, a integración dos tres subsistemas de formación profesional –inicial ou regrada, ocupacional e continua- coa convición de que a formación debe ser entendida como unha necesidade permanente ao longo de toda a vida.
“Por este motivo –engadiu o máximo mandatario autonómico- desde a Xunta de Galicia, e co consenso dos axentes sociais, estamos a reclamar do Goberno central a transferencia da formación profesional continua cara a Comunidade Autónoma, en cumprimento da sentenza do Tribunal Constitucional que así o estableceu”.
RESULTADOS POSITIVOS
Os esforzos levados a cabo pola Xunta de Galicia en materia de emprego xa deron resultados moi positivos. Proba disto é o crecente aumento rexistrado na ocupación feminina, a creación de máis de 1.400 postos de traballo para persoas con discapacidade, os máis de 8.000 traballadores que se beneficiaron das axudas ao emprego autónomo; ou os máis de 11.500 desempregados que participaron nos programas de cooperación, que lle facilitaron experiencia laboral, lle permitiron mellorar a súa formación e desenvolver accións de interese social.
As iniciativas promovidas polo Goberno galego tamén permitiron a contratación de máis de 12.000 desempregados a través dos incentivos á contratación estable e que máis de 30.000 persoas participasen en cursos de formación profesional ocupacional.
CAMIÑO A SEGUIR
“Temos a vontade de continuar con esta traxectoria”, indicou Manuel Fraga, quen tamén subliñou que as actuacións promovidas desde o Goberno que preside están enmarcadas nas directrices comunitarias en materia de emprego. Neste sentido, o titular do Goberno autonómico lembrou que as institucións europeas están a debater as directrices de emprego para o período 2005-2008, con tres prioridades fundamentais: atraer e reter máis persoas no emprego e promover a modernización dos sistemas de protección social; potenciar a adaptabilidade dos traballadores e das empresas á flexibilidade do mercado laboral; e incrementar o investimento en capital humano a través da mellora da educación e da formación.
GALIEMPREGO 2005
Por último, o máximo mandatario autonómico amosouse confiado en que Galiemprego 2005 sirva para coñecer as distintas iniciativas e experiencias doutras Comunidades Autónomas e doutros Estados; a poñer de manifesto a interrelación entre a área social e a laboral; a perspectiva do emprego desde as novas tecnoloxías; as experiencias e procesos de determinación das competencias; a importancia da economía social como fórmula de promoción do emprego; ou as distintas experiencias dos Servizos Públicos de Emprego nacionais ou internacionais.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DE GALIEMPREGO 2005, V FEIRA DA FORMACIÓN E DO EMPREGO DE GALICIA
- “Segundo as cifras da Enquisa de Poboación Activa, desde 1998 (ano de transferencia da xestión das políticas activas de emprego á Xunta de Galicia), a taxa de desemprego na nosa Comunidade Autónoma descendeu en máis de cinco puntos, e a taxa de ocupación incrementouse en case seis; e isto malia que a poboación activa medrou neste período en máis de 128.000 persoas”.
- “Galicia foi a cuarta Comunidade na que máis medrou o número de activos e o número de ocupados no 2004. Os primeiros aumentaron nun 2’27%, fronte a un incremento estatal de tan só un 1,8%. Polo que respecta aos ocupados, a situación é similar: mentres que en Galicia medraron un 3,38%, no conxunto do Estado fixérono en só un 2,74%”.
- “Así mesmo, entre 1998 e 2004 incrementouse o número de afiliacións á Seguridade Social en máis de 160.000 persoas, das que máis de 26.700 corresponden ao pasado ano”.
- “A mellora do emprego e da calidade do mesmo é un dos obxectivos fundamentais da Xunta de Galicia e, neste eido, a prevención de riscos laborais, a estabilidade no posto de traballo, a igualdade de oportunidades e a formación permanente constitúen algunhas das nosas máximas prioridades”.
- “A posta en marcha do Programa Labora; a formación profesional ocupacional; a modernización do Servizo Público de Emprego; os programas de fomento da contratación estable e de fomento do autoemprego, entre outros, son algunhas das actuacións postas en marcha pola Xunta de Galicia para lograr tres obxectivos principais, que se complementan mutuamente: a consecución do pleno emprego, aumentar a calidade e a produtividade do traballo e incrementar a cohesión e a inclusión social”.
- “Na actualidade, as institucións comunitarias están a debater as directrices de emprego para o período 2005-2008, nas que se distinguen tres prioridades fundamentais: atraer e reter máis persoas no emprego e promover a modernización dos sistemas de protección social; potenciar a adaptabilidade dos traballadores e das empresas á flexibilidade do mercado laboral; e incrementar o investimento en capital humano a través da mellora da educación e da formación”.
- “A posta en marcha do Sistema Nacional de Cualificacións e dos certificados de profesionalidade garantirá a competitividade dos traballadores galegos da esfera nacional e europea. A forte aposta do Executivo autonómico coa creación do Instituto Galego das Cualificacións, pioneiro en todo o Estado, está resultando esencial na determinación, xunto coas empresas, das competencias que deben ter os traballadores e na programación e adecuación da formación necesaria para adquirir esas competencias”.
- “Tamén co fin de reforzar a aprendizaxe permanente se aprobou, hai uns anos, o Plan Galego de Formación Profesional, co que se pretendía, así mesmo, a integración dos tres subsistemas de formación profesional –inicial ou regrada, ocupacional e continua-”.
- “Por este motivo, desde a Xunta, e co consenso dos axentes sociais, estamos a reclamar do Goberno central a transferencia da formación profesional continua cara a Comunidade Autónoma, en cumprimento da sentenza do Tribunal Constitucional que así o estableceu”.
- “Todos os esforzos levados a cabo polo Goberno galego, poden apreciarse no crecente aumento do emprego feminino; na creación, no último ano, de máis de 1.400 postos de traballo para persoas con discapacidade; nos máis de 8.000 traballadores que se beneficiaron das novas axudas ao emprego autónomo (...); nos máis de 11.500 desempregados que participaron nos programas de cooperación (...) Tamén coa contratación de máis de 12.000 desempregados a través dos incentivos á contratación estable; ou as máis de 30.000 persoas que participaron en cursos de formación profesional ocupacional”.
GALIEMPREGO 2005
Galiemprego 2005, a V Feira da Formación e do Emprego de Galicia, organizada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, celebrarase desde hoxe e ata o vindeiro 30 de abril no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. A feira ten como principal obxectivo dar a coñecer as accións que o Goberno galego e outras entidades están a desenvolver para a dinamizar o emprego. Nela participan todo tipo de entidades formativas, empresas, administracións públicas, axentes sociais, universidades e asociacións profesionais de Galicia e de España, converténdose en marco de referencia para o emprego en Galicia e en foro de intercambio de información entre todos os axentes que traballan no campo das políticas activas do emprego.
Galiemprego estructúrase en dous contextos complementarios: unha exposición onde as entidades participantes expoñen os seus produtos e información, e as xornadas técnicas onde prestixiosos profesionais do mundo empresarial e universitario comparten o seu coñecemento do mercado laboral cos profesionais e visitantes da feira.
As xornadas técnicas que se van desenvolver durante estes tres días versarán sobre O mercado laboral. Situación actual; Os servizos públicos de emprego de ámbito autonómico; Os servizos públicos de emprego de ámbito europeo; Formación profesional, ocupacional e continua: o novo modelo de formación profesional para o emprego; O mercado de traballo: competencias profesionais e a súa acreditación; Economía e Emprego; A tecnoloxía ao servizo do emprego: portais de emprego; e A empresa desde a Universidade: o acceso ao emprego dos titulados
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia