Ir o contido principal
iniciar sesión

Rojo destaca a participación da mocidade no programa de intercambio xuvenil

A conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo Noguera, recibiu, no pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, a unha trintena de mozos e mozas participantes no “Seminario Euromediterráneo entre Entidades de Xuventude”.

Os integrantes deste programa xuvenil proveñen de Egipto, Israel, Líbano, Jordania, Turquía, Túnez, Estonia, Eslovenia, Hungría, Grecia, Italia, Malta e España e permanecerán en Galicia ata o próximo 1 de maio.

Durante a recepción, a titular de Xuventude destacou a importancia deste tipo de actividades que teñen como principal obxectivo “fomentar o intercambio de experiencias e o coñecemento doutras realidades a través do diálogo e a convivencia, de xeito que estes dous aspectos nos axuden a construir un mundo máis tolerante e alonxado de comportamentos xenófobos”.

Pilar Rojo indicou que “desde a administración galega estamos colaborando permanentemente no desenvolvemento de proxectos ao amparo da iniciativa Xuventude”. Neste marco aprobáronse o pasado ano 49 programas nos que interviron preto de 600 mozos e mozas galegas e 700 doutros países. Ademais este ano concedéronse 168 axudas a xóvenes non universitarios, cunha media de 700 euros cada unha, para que poidan desenvolver módulos de idiomas noutros países.

Rojo insistiu en que o Plan Estratéxico de Xuventude 2004-2007 “segue mantendo a mobilidade xuvenil como unha das áreas de actuación fundamentais pois estamos convencidos da utilidade de coñecer outras realidades e outros puntos de vista para o seu desenvolvemento persoal”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia