Ir o contido principal
iniciar sesión

As fórmulas de emancipación dos mozos galegos incrementaranse coa posta en marcha da Lei de Xuventude

As iniciativas en temas de emprego, vivenda e participación xuvenil centraron a reunión da Comisión Interdepartamental de Xuventude celebrada en Santiago. O encontro, no que estiveron presentes as conselleiras de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Pilar Rojo e Belén Prado, respectivamente, e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, foi o marco para presentar o anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia e o de creación do Instituto Xove de Galicia (Inxove) a outros membros de goberno galego.

Pilar Rojo explicou que a nova Lei de Xuventude “propón a optimización de recursos, suma esforzos e establece un maior diálogo entre todos os colectivos participantes”. O documento estructúrase baixo os principios de universalidade, igualdade, solidariedade, participación pública, fomento da identidade cultural, planificación, transversalidade, coordinación e planificación.

Na reunión explicáronse os obxectivos fundamentais do novo texto, que se centran en favorecer o ordenamento das competencias das administracións públicas e a súa modernización, incrementar e canalizar a participación dos mozos, impulsar as áreas de intervención dos órganos competentes en materia de xuventude e dotar de maior axilidade, eficacia e eficiencia as accións dirixidas a este sector, de xeito que den mellor resposta ás súas necesidades e inquedanzas.

O documento recolle a creación do Inxove, organismo que terá como principais competencias a xestión dos centros e instalacións xuvenís con titularidade da Xunta, a posta en marcha de programas, e a xestión de convenios e de subvencións e prestacións económicas que correspondan a proxectos dirixidos á mocidade.

Co novo organismo quérese achegar de forma áxil e sinxela a información aos seus destinatarios, os galegos entre 18 e 30 anos, que forman un colectivo de aproximadamente 612.000 persoas, e facelos partícipes directos das políticas que lles afecten ou beneficien, permitíndolles formar parte activa da propia acción de goberno.

O Inxove traballará, tamén, en materia de cooperación internacional, establecendo programas de intercambio e colaboración coa Unión Europea, Hispanoamércia e Portugal. Fará especial fincapé nas relacións coa xuventude galega na diáspora, a efectos de conseguir a preservación de valores culturais configuradores da identidade galega, facilitando o retorno a Galicia.

Coa entrada en vigor da Lei de Xuventude crearase o Observatorio da Xuventude de Galicia que desenvolverá a súa actividade nos ámbitos da investigación, documentación, formación e información. Este órgano realizará estudios das condicións da mocidade, establecerá un mecanismo de información sobre os asuntos do sector, e xerará un sistema de indicadores polos que se poida coñecer o estado e evolución dos niveis de benestar e calidade de vida dos mozos.

Na próxima lei enmárcase tamén o Plan Estratéxico de Xuventude 2004-2007 que, cun orzamento de máis de 1.250 millóns de euros, plantexa como principais obxectivos favorecer as condicións necesarias para que os mozos poidan desenvolver o seu propio proxecto de vida. Neste senso destacan as áreas de vivenda e emprego que posibiliten o desenvolvemento profesional e persoal e permitan a emancipación.

Para acadar estes fins establécese unha política na que se contempla un impulso dos alugamentos e adquisión de vivendas, así como a potenciación de iniciativas dos axentes implicados no mundo laboral.

EMPREGO XUVENIL

A conselleira de Emprego, Belén Prado, explicou as principais liñas de actuación do seu departamento nesta materia, onde destacou o programa Labora, que proporciona un primer contrato de alomenos un ano de duración a mozos e mozas menores de 30 anos. Deste xeito facilítaselles a obtención dunha experiencia laboral que mellorará as súas posibilidades de atopar traballo posteriormente.

O impulso ao emprego xuvenil realízase tamén a través dos programas mixtos de formación teórico-práctica, como son as escolas obradoiro (para xente de ata 25 anos) e os obradoiros de emprego (para maiores de 25). Os participantes realizan obras ou servizos de interese social, relacionados con novos filóns de emprego, que facilitan a posterior inserción laboral.

Ademais, a Consellería de Emprego establece incentivos á contratación por conta allea cando os contratados sexan desempregados menores de 30 anos. Prímase así a contratación de beneficiarios do programa Labora e, como novidade este ano, de estudantes universitarios (en prácticas) e de titulados universitarios para proxectos específicos de I+D. Deste xeito, facilítaselles o paso da vida académica á vida laboral.

O departamento autonómico impulsa tamén o autoemprego e a economía social entre a mocidade. Por un lado, promociónase a incorporación de menores de 30 anos como socios traballadores ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais. Polo outro, as axudas xerais establecidas pola Administración para o inicio de actividade das empresas, a creación do propio posto de traballo e o financiamento de activos fixos increméntanse cando os beneficiarios son participantes no Programa Labora.

Para estimular o emprego xuvenil no medio rural, a Consellería estableceu tamén este ano axudas para entidades de nova creación en concellos de menos de 20.000 habitantes cando estean constituídas, alomenos nun 50%, por mulleres ou por mozos menores de 30 anos. Consisten en subvencións para o inicio da actividade e en axudas económicas por contrato creado para o colectivo xuvenil.

VIVENDA

Pola súa parte, o vicepresidente primeiro da Xunta destacou que, segundo datos do Ministerio de Vivenda do primeiro trimestre de 2005, Galicia é a segunda comunidade autónoma cos prezos de vivenda máis baratos, tanto no que se refire a vivenda libre como a vivenda protexida.

O vicepresidente do goberno subliñou tamén que “entre os anos 1995 e 2004, o prezo medrou en Galicia o 54% fronte ó 153% da media española. Galicia é a comunidade autónoma con menor incremento no prezo da vivenda”.

Núñez Feijóo destacou que, “segundo o último informe do Consello da Xuventude de España, referido ao terceiro trimestre do 2004, Galicia atópase entre as tres comunidades autónomas onde os mozos deben facer un menor esforzo para acceder á vivenda libre en propiedade, estando case 15 puntos por debaixo da media española”.

A Xunta está a desenvolver medidas en materia de vivenda destinadas a faciltar o acceso aos colectivos con máis dificultades, entre os que se atopan os xoves. Entre os programas postos en marcha destacan a Bolsa de Vivenda en Aluguer, Hipoteca Xove, rehabilitación de cascos históricos...

As medidas que está a desenvolver o goberno galego en política de vivenda están a ser incorporadas ao Plan Estatal de Vivenda e aos plans doutras comunidades autónomas.

A Bolsa de Vivenda en Aluguer leva funcionando dende febreiro de 2004. Neste tempo asináronse 3.100 contratos de alugueiro, con subvencións que chegan ata o 60% do importe mensual, sen custe para o inquilino nin para o propietario.

O vicepresidente primeiro da Xunta resaltou que “nos seus primeiros 15 meses dende a súa posta en marcha, o 69% dos beneficiados son persoas entre 18 e 35 anos”.

En canto á Hipoteca Xove, dende fai dous anos, todos os mozos galegos con menos de 35 anos teñen a posibilidade de dispor dunha hipoteca na que non hai que pagar os gastos de taxación e xestión, escritura pública ou rexistro da propiedade. Ata a data, leváronse a cabo máis de 7.000 hipotecas, o que supón que se beneficiaron, en menos de dous anos, máis de 15.000 persoas.

O goberno galego promove ademais outras iniciativas que benefician aos máis novos, como é o programa de rehabilitación integral de cascos históricos, destinado preferentemente a mozos de entre 18 e 35 anos, en réxime de alugueiro e con opción de compra.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia