Ir o contido principal
iniciar sesión

Sanidade establece puntos de información na rúa para evitar o consumo de alcohol entre os máis novos

A Consellería de Sanidade informou ao Consello da Xunta sobre as distintas actividades que, para evitar o consumo de alcohol e outras drogas por parte dos máis novos, se van desenvolver en Galicia. Establécense tres liñas básicas de actuación: ofrecer información veraz e obxectiva aos mozos e mozas nos mesmos puntos onde se concentran as fins de semana; establecer un convenio coa Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE) para a non promoción en determinados ámbitos do consumo de bebidas alcohólicas polos menores; e tamén se está a traballar nun acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias para promover a aplicación dun modelo de ordenanza reguladora do consumo indebido destas bebidas.

Aínda que o consumo de alcohol por parte dos adolescentes galegos -segundo a última enquisa estatal sobre drogas- se sitúa por debaixo do que se produce na maior parte das comunidades autónomas, a Consellería de Sanidade, a través do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, considera necesario implantar unha serie de medidas e acordos con entidades que contribúan a evitar, ou cando menos a minorar, o consumo abusivo de alcohol por parte dos menores.

Neste sentido, e no que se refire aos mozos de entre 14 e 18 anos que teñen consumido alcohol algunha vez, Galicia é unha das comunidades nas que este tipo de consumo é menor, ocupando o posto quince. Atendendo ao consumo nos últimos 12 meses, a posición é aínda máis favorable e tamén inferior á media española, situándose no posto 16 en relación co resto de comunidades. Pero, aínda tendo en conta estes datos, considérase prioritario incidir na prevención do consumo nestas idades.

INFORMACIÓN DIRECTA

Un dos eixes será achegar información veraz e obxectiva sobre o consumo de alcohol e outras drogas aos mozos e mozas que se concentran nas prazas ou parques públicos das cidades durante as fins de semana. Así, estenderase o programa Creative, que se une ao Dummie, no que a Consellería de Sanidade está a colaborar coa de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

O programa Creative xa se aplica en Vigo, en colaboración coa Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, e é froito dun convenio entre a Consellería de Sanidade, o Concello de Vigo, e a Asociación Alborada. Consiste no mantemento dunha estrutura estable, todos os fins de semana de todo o ano, con dous educadores que achegan información, e contactan cos mozos e mozas neses lugares nocturnos de lecer. Permite unha detección precoz do consumo, a redución de urxencias por consumo abusivo de alcohol, e a derivación a recursos de atención a estes problemas.

Por outra banda, asinarase un convenio coa Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE) para a non promoción do consumo indebido de bebidas alcohólicas por parte dos menores. Recolle entre outras actuacións a distribución de material informativo e preventivo nos establecementos retallistas sobre a prohibición da venda de alcohol a menores; facer cumprir a todos os asociados o código de autorregulación publicitaria; establecer un programa piloto de formación a profesionais de establecementos hosteleiros de estacións de servizo e áreas de servizo de autoestradas para que non vendan bebidas alcohólicas a condutores.

Por último, a Consellería de Sanidade informou tamén o Consello da Xunta dos contactos que se están a establecer coa Federación Galega de Municipais e Provincias para promover a aplicación dun modelo de ordenanza reguladora do consumo indebido de bebidas alcohólicas. Ademais das reunións necesarias para a coordinación e posta en marcha, realizaríanse sesións informativas e formativas a representantes políticos e técnicos dos concellos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia