Ir o contido principal
iniciar sesión

Barreiros e Currás entregan os VII Premios de Educación Ambiental Detectives Verdes

Máis de 600 rapaces e rapazas participaron na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo na festa de entrega de premios dos Detectives Verdes, un espazo de educación ambiental -promovido pola Consellería de Medio Ambiente- que se emite dentro do programa Plis-Plas da Radio Galega. O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, presidiron a entrega de galardóns, na que tamén participou o director da Radio Galega, Luís Pérez Fernández.

O primeiro premio recaeu no CEIP Saco e Arce, de Toén (Ourense). Os accésit foron para o CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna (Lugo); o CEIP O Grupo, de Ribeira (A Coruña); e o CEP Rebordáns, de Tui (Pontevedra).

Os colexios gañadores recibiron cadanseu cheque de 600 euros e unha placa conmemorativa, así como libros, xogos de educación ambiental e outros agasallos. Aos profesores coordinadores dos traballos tamén se lles entregou unha figura de Sargadelos.

TRABALLOS

O primeiro premio recaeu no CEIP Saco e Arce, de Toén (Ourense). O colexio mereceu este galardón polo traballo titulado Dándolle leña ao lixo nos montes de Toén, no que se dedicaron a localizar e limpar os vertedoiros incontrolados que existían nos distintos puntos do municipio. O CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna (Lugo) recibiu un accésit pola execución da limpeza dun treito do río Navia ao seu paso pola vila. Neste traballo, entre outras accións, identificaron a flora máis significativa do contorno (ata 200 exemplares diferentes) e remataron cunha solta de alevíns no leito fluvial.

Outro accésit recaeu no CEP Rebordáns, de Tui (Pontevedra). No seu traballo Consumo de auga e enerxía concluíron coa realización dun plan para cambiar os hábitos de consumo enerxético, tanto do alumnado como do profesorado do centro. O CEIP O Grupo de Ribeira (A Coruña) recibiu un accésit polo traballo Consumo e alimentación: a comida lixo, a través do que realizaron e montaron un supermercado no centro escolar con diferentes seccións, que completaron ademais coa elaboración de receitas e almorzos saudables.

DETECTIVES VERDES

O espazo ecolóxico Detectives Verdes ten como obxectivo sensibilizar aos máis pequenos da importancia de coidar o medio, fomentando accións directas no seu contorno inmediato. Trátase de crear unha conciencia ecolóxica para que os nenos e nenas se sintan responsables dun medio que hai que respectar para non esgotar as materias primas que nos ofrece. Os rapaces que participan nesta sección convértense en socios do club e o centro escolar ao que pertencen intégrase na rede de axencias.

O programa Plis-Plas emítese na Radio Galega como proposta educativa e lúdica para un público moi desatendido no medio radiofónico, como é a poboación de 4 a 14 anos. O obxectivo é que os nenos e nenas participen de maneira activa en diferentes seccións, entre as que figura o espazo Detectives Verdes.

A boa acollida deste espazo radiofónico levou á creación doutros soportes, como a revista Plis-Plas, editada por primeira vez no Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) de 1999. A publicación é un referente de traballo na aula moi utilizada polos docentes como material didáctico. O vindeiro mes de xuño sairá o número 30 desta publicación.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia