Ir o contido principal
iniciar sesión

A Xunta destinou 572 millóns de euros no período 2001-2005 ás políticas activas a favor do emprego xuvenil

Desde o ano 2001 a Xunta de Galicia investiu un total de 572.000.000 euros en políticas activas de promoción do emprego xuvenil. Os beneficiarios destas medidas nos últimos catro anos foron un total de 296.225 mozos que conseguiron mellorar ás súas condicións laborais. Son datos recollidos no Plan de Actuacións en Materia de Promoción do Emprego Xuvenil, elaborado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Desde que a Xunta asumiu as competencias en materia de emprego en 1998 a taxa de ocupación xuvenil aumentou en 9,8 puntos desde o 25,8% dese ano ata o 34,9% de 2005. Ademais, a taxa de paro dos mozos reduciuse neste período en 7,2 puntos, o que supón 11.500 desempregados menos neste colectivo. O informe explica tamén que en todos os indicadores hai unha mellor evolución do emprego feminino que o masculino.

NOVAS INICIATIVAS

Este ano a Consellería de Asuntos Sociais puxo en marcha dúas novas medidas para contribuír á creación do emprego xuvenil. O Programa de Dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural busca impulsar iniciativas emprendedoras nos concellos rurais ao tempo que se fixa o asentamento de poboación en idade laboral no rural galego. En conxunto, os proxectos poderán acadar un incentivo de ata 9.000 euros para cada posto de traballo estable creado por un mozo desempregado.

Outra das novidades nesta área é o Programa de incentivos á contratación a tempo parcial de estudantes universitarios. Con esta iniciativa subvenciónase a contratación, tanto con carácter indefinido como temporal, de estudantes desempregados que teñan superado o 50% dos créditos necesarios para obter o título.

Ademais este ano introdúcense novas liñas de axudas ao autoemprego xuvenil. Así, no programa de emprego autónomo, os mozos menores de 30 anos contan, desde este ano, cunha liña excepcional de ata 600 euros para o inicio de actividade empresarial. Esta mesma axuda se introduce no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais. Xunto con estas novidades, as contías das axudas de tódolos programas de fomento de emprego increméntanse en 300 euros cando os beneficiarios sexan menores de 30 anos.

PROGRAMAS ESPECÍFICOS

Entre as medidas específicas que dispón a Xunta de Galicia para os mozos que buscan emprego está o servizo de orientación e asesoramento que ofrece o Servizo Público de Emprego dun xeito individualizado. En materia de Formación Ocupacional estanse a potenciar as prácticas en empresas e os cursos centrados en novas tecnoloxías ademais de realizar unha programación dirixida a adquirir as competencias profesionais establecidas nos certificados de profesionalidade.

A Consellería de Emprego desenvolve dende hai varios anos o Programa Labora: xuventude con experiencia, que lle proporciona un contrato de alomenos un ano de duración a mozos e mozas menores de 30 anos que non tivesen un contrato previo. Deste xeito, facilítaselles a obtención dunha experiencia laboral que mellorará as súas posibilidades de atopar traballo posteriormente. A potenciación feita deste programa no marco da empresa privada ten como obxectivo acadar un mellor resultado do mesmo. Desde a posta en marcha do programa no ano 2002 e ata finais do 2004, beneficiáronse do mesmo uns 20.000 mozos, acadándose unha inserción laboral posterior próxima ao 60%.

O impulso ao emprego xuvenil realízase tamén a través dos programas mixtos de formación teórico-práctica, como son as escolas obradoiro (para xente de ata 25 anos) e os obradoiros de emprego (para maiores de 25). Os participantes realizan obras ou servizos de interese social, relacionados con novos filóns de emprego, que facilitan a posterior inserción laboral.

Ademais, a consellería de Emprego establece incentivos á contratación por conta allea cando os contatados sexan desempregados menores de 30 anos. Prímase así a contratación de beneficiarios do programa Labora e, como novidade este ano, de estudantes universitarios (en prácticas) e de titulados universitarios para proxectos específicos de I+D. Deste xeito, facilítaselles o paso da vida académica á vida laboral.

O departamento autonómico impulsa tamén o autoemprego e a economía social entre a mocidade. Por un lado, promociónase a incorporación de menores de 30 anos como socios traballadores ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais. Polo outro, as axudas xerais establecidas pola Administración para o inicio de actividade das empresas, a creación do propio posto de traballo e o financiamento de activos fixos increméntanse cando os beneficiarios son participantes no Programa Labora.

Os mozos interesados en poñer en marcha a súa propia iniciativa empresarial contan con asesoramento da Rede de Técnicos de Emprego, dun servizo global dirixido á iniciativa emprendedora.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia