Ir o contido principal
iniciar sesión

Asuntos Sociais e o Parque Tecnolóxico de Galicia facilitarán prácticas en empresas aos alumnos de formación profesional

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e o Parque Tecnolóxico de Galicia (PTG) colaborarán para que os alumnos de formación profesional desempregados fagan prácticas laborais nas empresas instaladas en Ourense durante o presente exercicio. Así o estipula o protocolo asinado pola conselleira Belén Prado, e o vicepresidente do Parque, Miguel Ángel Pérez. O departamento autonómico financiará as actuacións con 18.000 euros.

INSERCIÓN LABORAL

O Plan Galego de Formación Profesional procura a consolidación dun sistema capaz de mellorar a capacidade de inserción laboral dos alumnos desempregados. A Xunta considera a formación profesional un instrumento básico dentro das políticas activas de emprego, pola súa capacidade para mellorar a empregabilidade dos parados.

A realización de prácticas en empresas busca un dobre obxectivo: perfeccionar os coñecementos teóricos dos alumnos, o que lles dará un mérito engadido á hora de buscar traballo, e que os empresarios coñezan no propio medio empresarial aos alumnos que, no futuro, poden acceder aos postos nos que realizan prácticas. Ademais, os empresarios poderán coñecer de preto a capacitación derivada dos programas formativos, o que lles permitirá facer suxerencias para a súa mellora.

EXPERIENCIA LABORAL

Durante a última lexislatura, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiou a contratación en prácticas a tempo completo e por un periodo mínimo dun ano de máis de 8.000 persoas. Neste cometido, o departamento autonómico investiu 19.738.000 euros entre 2001 e 2004.

Ademais, a consellería puxo en marcha este ano unha nova medida na que Galicia é pioneira: incentivar a contratación a tempo parcial de universitarios que estean cursando os seus estudios. A iniciativa está presupostada con 500.000 euros e suporá a subvención de contratos indefinidos ou temporais por un mínimo de seis meses a estudantes universitarios que teñan o 50% dos créditos académicos necesarios para obter o título.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia