Ir o contido principal
iniciar sesión

Ábrese o prazo de preinscrición e admisión do alumnado ás escolas oficiais de idiomas

Dende o luns, 20 de xuño, está aberto o período de preinscrición para a admisión ás ensinanzas impartidas nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia para todo o alumnado presencial para o curso 2005/06.

O período de preinscrición materase aberto ata o día 30 de xuño e está destinado a todo o alumnado presencial, tanto o que xa está cursando este tipo de ensinanzas (aprobado en xuño ou pendiente de setembro) como aquel outro que queira acceder por primeira vez ás devanditas ensinanzas nas 11 Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) existentes na actualidade en Galicia.

Para levar a cabo este proceso púxose en marcha unha nova aplicación informática desenvolvida polo Proxecto SIEGA da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de, por primeira vez, unificar e axilizar a xestión do acceso á tódas as Escolas Oficiais de Idiomas galegas. Así, todo o proceso poderase realizar a través de Internet, na páxina do portal educativo edu.xunta.es.

Tamén por primeira vez, este ano o alumnado, no proceso de admisión, optará por grupos e horarios da oferta real da Escola Oficial de Idiomas na que se queira matricular para o vindeiro curso.

PASOS A SEGUIR

Os pasos a seguir son sinxelos. En primeiro lugar, cómpre recoller os impresos do procedemento de admisión, tanto a través da devandita páxina do portal educativo da Consellería de Educación, edu.xunta.es, no apartado de alumnos; ou nas propias conserxerías das EOI onde se queira matricular.

Para a preinscrición, será preciso presentar o impreso (un só impreso por alumno, aínda que se queira cursar máis dun idioma) na secretaría da EOI onde se vaia matricular, xunto coa documentación pertinente se fose o caso.

Para formalizar a matrícula será necesario presentar o correspondente impreso unha vez comprobadas as respectivas listaxes definitivas de adxudicación, nas datas que se poderán consultar tamén nas propias Escolas Oficiais de Idiomas como en www.edu.xunta.es, apartado de alumnos, na opción de admisión EOI.

Deberase ter en conta que o pagamento de taxas non implica a confirmación da matrícula, que só será efectiva no momento da presentación da documentación na secretaría da Escola Oficial de Idiomas na que se queira matricular.

Finalmente terase en conta que este procedemento de admisión non será de aplicación para o alumnado do programa de inglés a distancia “That’s English!”, Plan de Potenciación de Idiomas nos Institutos de Educación Secundaria e alumnado libre que terán as súas propias datas de preinscrición.

Calquera información a maiores relativa aos prazos ou ao proceso en si mesmo, pódese consultar na devandita páxina web do portal educativo edu.xunta.es.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia