Ir o contido principal
iniciar sesión

Medio Ambiente e Educación implantarán un Plan de Recollida Selectiva de Residuos nos institutos de formación profesional

As consellerías de Medio Ambiente e de Educación e Ordenación Universitaria veñen de asinar recentemente un convenio de colaboración para instrumentar un plan de recollida de residuos nos centros educativos que imparten diferentes ensinanzas de formación profesional. O acordo comezará nun principio nos institutos que implantan electricidade e electrónica, mantemento de vehículos autopropulsados, fabricación mecánica, mantemento de servizos á produción, vidro e cerámica, artes gráficas, química, informática, comercio e marketing, e por último, administración. A execución do plan iníciase nos centros que xeran unha maior cantidade de residuos perigosos, aínda que está previsto amplialo a outros. O obxectivo é regular e optimizar o sistema de recollida de refugallos que se dá na actualidade nos institutos.

O convenio recolle tamén que a Consellería de Medio Ambiente facilitará a cesión de vehículos por parte dos talleres de automoción aos institutos de secundaria que imparten a modalidade de “Mantemento de vehículos autopropulsados”. Os automóbiles permanecerán no centro por un período de 2 cursos académicos e logo serán retirados dentro do plan de recollida de residuos previsto.

XESTIÓN RESIDUOS

Medio Ambiente e Educación planificarán a recollida de residuos que os centros de formación profesional xeneran, almacenan e ata agora retiraban sen ningún tipo de planificación. Isto supoñerá unha maior eficiencia na xestión de residuos, o que implicará a disposición de maior espazo físico nos institutos e a diminución do tempo de almacenamento dos residuos perigosos nos propios centros.

A Consellería de Medio Ambiente garantirá que os talleres de automoción lle cedan vehículos aos centros onde se imparte “Mantemento de vehículos autopropulsados”. Deste xeito, os talleres despiden residuos que xa non lle teñen ningunha utilidade, mentres que os institutos consiguen material básico para o seu traballo práctico.

Organizaranse ademais actividades de formación en materia de medio ambiente naqueles centros que se acollan aoo plan de recollida de residuos previsto neste convenio. Os cursos formativos estarán dirixidos tanto a alumnos como a profesores.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia