Ir o contido principal
iniciar sesión

Educación fomenta o autoemprego entre o alumnado galego de FP

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acaba de asinar un protocolo de colaboración co organismo BIC-Galicia, dependente da Consellería de Economía e Facenda, co ánimo de fomentar a cultura emprendedora e o carácter empresarial entre o alumnado do sistema educativo galego, especialmente o de Formación Profesional. En virtude do mesmo, estanse a desenvolver unha serie de actuacións conxuntas nesta liña.

Entre elas, figura a elaboración de diversos materiais didácticos dirixidos ao alumnado e ao profesorado de ciclos formativos de grado superior de FP. Actualmente xa se está distribuíndo aos centros un manual sobre a creación de empresas e un CD Rom con información adicional para o alumnado e un manual para o profesorado.

Así mesmo, no presente curso 2004/05, técnicos de BIC-Galicia comezaron a impartir xornadas informativas nos centros educativos sobre a cultura emprendedora e o fomento do espírito empresarial na escola, con moi boa acollida.

Esta iniciativa da Administración educativa responde á necesidade de fomentar a cultura de autoemprego entre a mocidade galega, habendo xa outras moitas accións encamiñadas á inserción laboral a través da incorporación á empresas por conta allea.

Así, o fomento do cooperativismo, a través de actividades que están a realizar as Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais conxuntamente, enmárcanse tamén dentro da mesma liña de actuación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia