Ir o contido principal
iniciar sesión

A Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo-Campus de Ourense presentan un curso de verán sobre ficción televisiva

O mércores, día 29 de xuño, ás 11,30 horas da mañá, na sede do Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5, en Ourense), a Fundación Carlos Casares ofrece unha rolda de prensa para presentar conxuntamente coa Cátedra Carlos Casares da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e o Concello de Celanova, o curso de verán “Ficción televisiva” que se vai celebrar os días 13, 14 e 15 de xullo en Celanova.
Conferencias, faladoiros, encontros co público e proxeccións de capítulos inéditos e con caracter de estrea de series televisivas, conforman o armazón dun programa que terá como marco o Mosteiro de San Rosendo, para tratar diversos aspectos dun dos contidos que mellor rendemento lle está a dar ás televisións en clave de audiencias, a ficción televisiva. Pero tamén se vai tratar da telerrealidade, ese fenómeno definido por unha difusa liña de separación entre a ficción e a realidade.
Esta segunda edición do curso de verán, continuidade do celebrado o ano pasado por estas mesmas datas e no mesmo emprazamento sobre Cine e Literatura. Casares e o Cine, dá continuidade ao programa de colaboración estable entre a Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo-Campus de Ourense desde que a UdV decidiu crear a Cátedra Carlos Casares. Está dirixido por Miguel Anxo Fernández, escritor, crítico cinematográfico e profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, e contará coa asistencia dun escollido grupo de estudosos de procedencia académica, profesionais de recoñecido prestixio no medio audiovisual, representantes das grandes cadeas de televisión en España, directores de programas, actrices, actores e xornalistas especializados. Vintesete ponentes e cinco proxeccións televisivas que se verán complementadas cunha exposición cedida expresamente para o evento polo CGAI, Centro Galego de Artes da Imaxe, sobre Cinematógrafos de Galicia. Vintecinco panei nos que se fai un percorrido pola arquitectura e o espectáculo cinematográfico en Galicia desde os inicios do cine ata os nosos días.
Fundación Carlos Casares