Ir o contido principal
iniciar sesión

Continúa aberto o prazo de preinscrición e admisión do alumnado para a escola oficial de idiomas de Ourense

O período de preinscrición para a admisión ás ensinanzas impartidas na Escola Oficial de Idiomas de Ourense remata o xoves, día 30.

A Escola Oficial de Idiomas de Ourense tivo o ano pasado ao redor dos 2.000 alumnos. É un dos centros educativos, dos 11 que hai en toda Galicia, con maior oferta de idiomas. En total ofértanse seis linguas diferentes: italiano, inglés, francés, alemán, galego e portugués.

Por especialidades o idioma que máis demanda tivo foi o inglés que contou con 984 alumnos, seguido polo francés con 365. O italiano, recentemente implantado, foi o que menos alumnos tivo con 87 estudantes, seguido do galego, con 121.

A aprendizaxe de idiomas é unha necesidade nun momento no que os diversos cambios sociais obrigan a competir nun mercado laboral cada vez máis especializado. Neste contexto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria trata de dar resposta á demanda cada vez maior de este tipo de ensinanzas lingüísticas.

PROCESO DE INSCRICIÓN

Para levar a cabo este proceso poderase facer cubrindo os impresos ordinarios ou a través de internet. Este ano púxose en marcha unha nova aplicación informática no portal www.edu.xunta.es desenvolvida polo Proxecto SIEGA da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de unificar e axilizar a xestión do acceso á todas as Escolas Oficiais de Idiomas galegas.

Este ano na solicitude de inscrición o alumnado tamén poderá seleccionar os grupos e horarios que consideren máis apropiados para matricularse no vindeiro curso.

Os pasos a seguir son sinxelos. En primeiro lugar, cómpre recoller os impresos do procedemento de admisión, tanto a través da devandita páxina do portal educativo da Consellería de Educación, www.edu.xunta.es no apartado de alumnos; ou nas propias conserxerías das EOI onde se queira matricular.

Para a preinscrición, será preciso presentar o impreso (un só impreso por alumno, aínda que se queira cursar máis dun idioma) na secretaría da EOI onde se vaia matricular, xunto coa documentación pertinente se fose o caso.

Cando se formalice a matrícula será necesario presentar o correspondente impreso logo de que se comproben as respectivas listas de adxudicación definitiva.

MATRÍCULA

O pagamento de taxas non implica a confirmación da matrícula, que só será efectiva no momento da presentación da documentación na secretaría da Escola Oficial de Idiomas na que se queira matricular.

Finalmente terase en conta que este procedemento de admisión non será de aplicación para o alumnado do programa de inglés a distancia “That’s English!”, Plan de Potenciación de Idiomas nos Institutos de Educación Secundaria e alumnado libre que terán as súas propias datas de preinscrición.

Calquera información a maiores relativa aos prazos ou ao proceso en si mesmo, pódese consultar na devandita páxina web do portal educativo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia