Ir o contido principal
iniciar sesión

Asuntos Sociais financiou con 775.000 euros o obradoiro de emprego Vigozoo II, no que participaron 45 alumnos

O director xeral de Promoción de Emprego en funcións, Andrés Castro, clausurou o obradoiro de emprego “Vigozoo II”, adicado á mellora do zoo da cidade olívica. A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiou esta iniciativa cunha partida de 775.481 euros.

Castro animou aos alumnos a continuar a súa aprendizaxe e a aproveitar os recursos que pon á súa disposición a Xunta para atopar traballo: a rede de técnicos de emprego, a de orientadores laborais e as axudas á posta en marcha de negocios, entre outros.

Ademais, o director xeral en funcións destacou a triple dimensión dos programas de formación coma os obradoiros de emprego, que acadan un triple obxectivo: aumentan a formación dos desempregados, impulsan actuacións de interese social e artellan a colaboración institucional entre a Xunta e os concellos.

O obradoiro de emprego contou coa participación de 45 alumnos, dos que o 84% eran mulleres. Formáronse durante doce meses nas especialidades de construcción, carpintería e xardinería, uns coñecementos que utilizaron para executar a segunda fase do acondicionamento do zoo da cidade.

POLÍTICAS DE EMPREGO

A Xunta vén apoiando o desenvolvemento de escolas obradoiro e obradoiros de emprego na provincia de Pontevedra dende 1998. Dende ese ano, concedéronselle á provincia 94 destes proxectos. Hai unhas semanas, a consellería de Emprego aprobou outros 9 máis, dos que se beneficiarán 320 alumnos.

Este tipo de programas, así coma as demais iniciativas integradas nas políticas activas de emprego da Xunta (as axudas ao emprego autónomo, o Programa Labora, o Programa de apoio as iniciativas de emprego de base tecnolóxica, etc), presentan unha elevado índice de inserción laboral. Arredor do 70% dos alumnos que participan en escolas obradoiro e obradoiros de emprego atopan traballo tras rematar a formación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia