Ir o contido principal
iniciar sesión

Kalandraka Editora presenta na XXXI Feira do Libro de Vigo o libro Xaime e as landras

KALANDRAKA EDITORA presenta na XXXI Feira do Libro de Vigo -que se celebra na rúa Montero Ríos- o libro “Xaime e as landras”. No acto, a partir das sete da tarde, participará o autor e contacontos británico TIM BOWLEY, que asinará exemplares da súa obra.

Trátase dunha historia tenra, cunha narración sinxela e áxil, na que se enxalza a virtude da perseverancia: Xaime está empeñado en ver crecer un carballo, pero hai múltiples circunstancias que truncan o ciclo vital desa ansiada árbore. A súa tenacidade permitiralle, malia o paso dos anos, ver cumprido o seu soño. As ilustracións de Inés Vilpi aportan colorido, calidez e sensibilidade a unha narración de estructura circular, ideal para os primeiros lectores.

TIM BOWLEY é un especialista en contos tradicionais de todo o mundo e tódalas épocas, dende mitos ata culturas tan exóticas como a Oriental, pasando polos indios do continente americano. Nos seus máis de 20 anos de experiencia ten percorrido coas súas actuacións numerosos países, como Suiza, Estados Unidos, India ou Colombia, aínda que vive habitualmente en Galicia.

Destaca a súa recente participación no Forum das Culturas celebrado en Barcelona, co espectáculo “Fiando contos”, no que compartiu escenario coa contacontos galega Casilda Regueiro e mailo camerunés Boniface Ofogo.

En 2001 editou a súa propia colección de contos tradicionais, titulado “Semillas al viento: Cuentos del mundo” (Editorial Raíces), un libro bilingüe que vai pola segunda edición, traducido ao español por Casilda Regueiro, coa que Tim Bowley formou tándem artístico durante sete anos.
Kalandraka Editora