Ir o contido principal
iniciar sesión

A celebración do Día do Ensino será a principal novidade do calendario escolar do curso 2005/06

A principal novidade do calendario escolar do próximo curso, recentemente publicado no Diario Oficial de Galicia pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, será a celebración, por primeira vez, do Día do Ensino, que terá lugar o 31 de outubro.

Despois de analizaren a proposta por parte dos representantes da comunidade educativa, acordouse unificar a celebración de todos os patróns dos distintos niveis educativos neste día, polos beneficios organizativos e pedagóxicos que a devandita unificación implicará.

Por outra parte, o calendario escolar para o próximo curso 2005/06 contará co mesmo número de días lectivos que o actual. Isto é, 180 para Educación Infantil, Primaria e Especial e 175 para Secundaria.

En virtude do mesmo, os alumnos de centros sostidos con fondos públicos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial comezarán as clases o día 12 de setembro e rematarán o 26 de xuño, mentres que os de Secundaria incorporaranse o día 19 de setembro, rematando o mesmo día que os alumnos máis pequenos (quedando o remate das actividades lectivas do segundo curso de Bacharelato supeditado ás datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade).

Pola súa banda, os estudantes de Ciclos Formativos de Formación Profesional e os matriculados en ensinanzas de Réxime Especial comezarán o curso o día 30 de setembro. Estes últimos non o rematarán antes do día 2 de xuño, se ben os alumnos de FP irán finalizando segundo o ciclo formativo de que se trate e as horas de formación teórica e práctica das que estea composto.

Os comedores escolares estarán en funcionamento entre os días 4 de outubro de 2005 e 31 de maio de 2006, ambos os dous inclusive, sendo a xornada escolar nos días lectivos de setembro e xuño continuada en horario matinal nos centros que impartan Educación Infantil e/ou Primaria e/ou Secundaria Obrigatoria ou Especial.

INCREMENTO PROGRESIVO

O número de días lectivos por cada curso académico foise incrementando progresivamente nos últimos anos por diversas razóns como, por exemplo, o cumprimento da Lei de Calidade, que esixe un mínimo de 175 días lectivos para todas as etapas educativas ou a converxencia con outros países da Unión Europea, que superan a media de España de xeito importante, chegando algúns a alcanzar os 200 días lectivos hai xa 7 anos.

Ademais, tamén existen criterios pedagóxicos que aconsellan achegar as datas de inicio e final de curso, reducindo o período de vacacións, que é demasiado extenso e, polo tanto, prexudicial para o alumnado, dende este punto de vista. Todos estes aspectos foron tidos en conta pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que dende o ano 1996 vén apoiando o aumento de días lectivos acadando unha suba de 8 xornadas en Educación Primaria e 14 en Secundaria neste tempo.

Actualmente a comunidade autónoma galega está á cabeza con respecto ás demais rexións españolas en canto ao número de días lectivos, moi por encima da media nacional, que en Educación Infantil e Primaria é de 176 e en Secundaria de 174.

En todo caso, o curso académico como tal estenderase entre os días 1 de setembro de 2005 e 31 de agosto de 2006, independentemente de que este período abranga etapas non lectivas. Neste tempo organizaranse outro tipo de actividades de xestión académica ou de atención á comunidade educativa.

Tal é o caso das actividades de programación. Dende o comezo do curso ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos, ben individualmente ou ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e curriculares, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras actividades estean relacionadas coa organización do curso.

Neste período os departamentos didácticos, baixo a coordinación e dirección do respectivo xefe de departamento, dedicaranse a elaborar a programación didáctica das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organizar o curso.

DÍAS LIBRES

Ademais das vacacións ou períodos non lectivos que haberá ao longo do curso (Nadal entre o 23 de decembro e o 8 de xaneiro; Semana Santa entre os días 10 e 17 de abril e Entroido os días 27 e 28 de febreiro), en cada centro educativo haberá varios días ao ano nos que as clases quedarán suspendidas.

Este é o caso dos días festivos así declarados pola Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e das festas laborais de carácter local, así como do devandito Día do Ensino.

Ademais, nos centros nos que unha ou as dúas festas laborais de carácter local non coincidan con días lectivos, os consellos escolares, así como os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica.

Esta petición de días libres extraordinarios deberá facerse antes do día 31 de outubro de 2005, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quen, logo do informe da Inspección Educativa e os que estime oportunos, resolverá o que proceda. Neste sentido, é desexable que os centros da mesma localidade elixan, no seu caso, os mesmos días non lectivos, para o que se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.

EFEMÉRIDES
O calendario escolar tamén recolle unha serie de datas nas que, sendo días lectivos para todos os efectos, as actividades escolares conmemorarán diferentes efemérides. Como mínimo, nos centros educativos galegos deberanse conmemorar os seguintes acontecementos:

- do 5 ao 16 de decembro: a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia
- o día 9 de decembro: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos
- o 31 de xaneiro: Día da Paz
- 8 de marzo: Día Internacional da Muller Traballadora
- 15 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor
- do 13 ao 17 de marzo: Semana da Prensa
- entre o 3 e o 28 de abril: Día do Libro
- 7 de abril: Día Mundial da Saúde
- 9 de maio: Día de Europa
- do 8 ao 16 de maio: Semana das Letras Galegas
- 5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente

Ademais, segundo as ensinanzas que impartan, os centros poderán conmemorar aos respectivos patróns nas datas correspondentes, e tamén será posible unificar nunha única xornada as conmemoracións correspondentes naqueles centros onde se imparta máis dun nivel educativo.

Neste sentido, os centros deberán organizar actividades diversas encamiñadas a salientar a importancia destas conmemoracións inculcando aos rapaces a Educación en Valores vinculada a este tipo de ocasións. Calquera modificación que se precise facer ao calendario escolar deberá ser solicitada con, polo menos, 15 días de antelación polo centro interesado ao delegado provincial correspondente, que decidirá a resolución máis oportuna. Así mesmo, os delegados da Consellería de Educación poderán autorizar, por circunstancias concretas de organización, a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia