Ir o contido principal
iniciar sesión

O Centro Dramático Galego escenifica Ricardo III no Festival Internacional de Teatro de Almada

O Centro Dramático Galego (CDG) participa o luns, 11 de xullo, no Festival Internacional de Teatro de Almada (Lisboa) cunha representación da súa ultima produción, Ricardo III, de William Shakespeare, con dirección de Manuel Guede Oliva. A compañía institucional galega, unidade de producción teatral do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, representará en idioma galego este espectáculo que conta coa interpretación de 15 actores.

O elenco que compoñen Xosé Manuel Olveira “Pico” -no papel protagonista-, xunto a Marcos Viéitez, Manuel Areoso, Artur Trillo, Muriel Sánchez, Miguel López Varela, Maxo Barjas, Miguel Pernas, Xulio Lago, Luisa Merelas, Toño Casais, Rodrigo Roel, Agustín Vega, Elina Luaces e Pancho Martínez recalará na localidade portuguesa despois do seu paso nas últimas datas polo Teatro Español de Madrid (do 30 de xuño ao 3 de xullo) e polo Festival de Teatro Clásico de Almagro (5 e 6 de xullo) dentro da xira peninsular que está a levar a cabo o CDG.

PRIMEIRA VISITA

A función, que terá lugar ás 22 horas no palco Grande da Escola António Da Costa, supón a primeira visita do Centro Dramático Galego ao Festival Internacional de Teatro de Almada, unha cita que cobra cada ano maior relevancia no panorama internacional de festivais de verán. Promovido pola compañía lusa do mesmo nome na localidade próxima a Lisboa, este festival chega a súa vixésimo segunda convocatoria co aval de ser a porta de entrada para o público portugués nos últimos anos de montaxes de directores da talla de Peter Brook, Giorgio Strehler, Luca Ronconi, Luc Bondi, Lluis Pasqual, Albert Boadella ou Roger Planchon.

A edición 2005 do Festival vén desenvolvéndose desde o pasado día 4 e continuará ata o vindeiro 18 de xullo cunha intensa programación non só teatral, senón tamén de música, coloquios e exposicións. Presenta, así mesmo, un extenso cartel de representacións, no que aparecen xunto ao CDG, única compañía galega participante, os mellores grupos de teatro portugués do momento, ademáis de colectivos procedentes doutras Comunidades autónomas españolas, así como de Francia, Italia e Alxeria.

FINAL EN SANTA SUSANNA

O Centro Dramático Galego pechará a distribución de Ricardo III cunha última representación, tamén en galego, o 27 de xullo no Festival Shakespeare de Santa Susanna. Fundado en 2003, o festival é un monográfico que combina a produción propia coa exhibición externa sobre a obra do autor inglés desde o punto de vista actual.

Para esta función o CDG adecuará o deseño escenográfico da montaxe ás especiais características do escenario proposto, xa que todas as representacións se desenvolven no interior da masía Can Ratés do municipio de Santa Susanna, en pleno maresme barcelonés.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia