Ir o contido principal
iniciar sesión

A Consellería de Emprego incentiva a contratación a tempo parcial de estudantes universitarios

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais incentiva a contratación de estudantes universitarios a tempo parcial, co fin de facilitarlle aos mozos a incorporación ao mercado laboral. As empresas interesadas en facer uso das subvencións para contratar aos alumnos poderán presentar a súa solicitude ata o 30 de setembro.

O programa ten por obxecto promover a contratación dos universitarios que estean cursando a carreira, de xeito que adquiran unha experiencia laboral que lles facilite a inserción definitiva no mercado de traballo cando rematen os estudos. A iniciativa foi aprobada o pasado mes de xaneiro polo Comité Autonómico de Emprego, do que participan tamén os axentes sociais.

CONDICIÓNS

Serán subvencionadas as contratacións indefinidas ou temporais a estudantes universitarios que estean desempregados e teñan superado o 50% dos créditos académicos necesarios para obter o título. O posto de traballo terá que estar relacionado necesariamente cos estudos universitarios que cursa o empregado.

Os contratos deberán ser a tempo parcial, abranguendo como mínimo o 40% da xornada laboral ordinaria e como máximo o 75%. A contratación será por un periodo mínimo de seis meses.

CONTÍAS

Os contratos indefinidos subvencionaranse con 1.800 euros cando supoñan o 75% da xornada ordinaria. A contía reducirase proporcionalmente cando a duración da xornada sexa inferior. Os contratos temporais financiaranse con 400 euros se o contrato é por seis meses e con 1.750 se é por 24 meses (as duracións intermedias terán subvencións intermedias). As contías son as establecidas para o 75% da xornada, pero tamén se reducirán se esta é menor.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia