Ir o contido principal
iniciar sesión

Comeza o curso de ficción televisiva organizado pola Fundación Casares e a Universidade de Vigo-Campus de Ourense

O mércores, día 13 de xullo, ás 10 horas da mañá, dará comezo o curso de verán organizado pola Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo-Campus de Ourense, que leva por título “Ficción televisiva” e que se vai celebrar os días 13, 14 e 15 de xullo en Celanova.
Conferencias, faladoiros, encontros co público e proxeccións de capítulos inéditos e con caracter de estrea de series televisivas, conforman o armazón dun programa que terá como marco o Mosteiro de San Rosendo, para tratar diversos aspectos dun dos contidos que mellor rendemento lle está a dar ás televisións en clave de audiencias, a ficción televisiva. Pero tamén se vai tratar da telerrealidade, ese fenómeno definido por unha difusa liña de separación entre a ficción e a realidade.
Esta segunda edición do curso de verán, continuidade do celebrado o ano pasado por estas mesmas datas e no mesmo emprazamento sobre Cine e Literatura. Casares e o Cine, dá continuidade ao programa de colaboración estable entre a Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo-Campus de Ourense desde que a UdV decidiu crear a Cátedra Carlos Casares. Está dirixido por Miguel Anxo Fernández, escritor, crítico cinematográfico e profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, e contará coa asistencia dun escollido grupo de estudosos de procedencia académica, profesionais de recoñecido prestixio no medio audiovisual, directores de programas, actrices, actores e xornalistas especializados. Vintesete ponentes e cinco proxeccións televisivas que se verán complementadas cunha exposición cedida expresamente para o evento polo CGAI, Centro Galego de Artes da Imaxe, sobre Cinematógrafos de Galicia. Vintecinco paneis nos que se fai un percorrido pola arquitectura e o espectáculo cinematográfico en Galicia desde os inicios do cine ata os nosos días.

Fundación Carlos Casares