Ir o contido principal
iniciar sesión

O Programa Mentor atende na actualidade a máis de 200 mozos e mozas de entre 16 e 22 anos

Máis de 200 mozos de entre 16 e 22 anos están acollidos na actualidade baixo o programa Mentor, iniciativa desenvolvida pola Xunta de Galicia. Deste total, 67 están traballando, 95 realizan algún curso de formación ocupacional e 55 están a buscar emprego (ver anexo para as cifras desagregadas por provincias). Estes datos foron aportados polo profesor de Socioloxía José Pérez Vilariño e pola directora de Familia, Teresa Rey Barreiro, durante a presentación dun estudo sobre o Programa Mentor.

O proxecto Mentor, posto en marcha en 1998, dirixe as súas actuacións a mozos e mozas que están baixo a tutela ou garda da Xunta ou en réxime de acollemento familiar.

Entre os principais obxectivos destacan a elaboración de itinerarios de inserción laboral persoalizada e de iniciativas para desenvolver a capacidade de emprego dos menores, ademais de traballar diferentes aspectos para acadar a súa independencia. Para lograr este último punto existe unha rede de vivendas tuteladas, na que residen actualmente 28 persoas, 12 homes e 16 mulleres.

Na presentación reflectíronse tamén os datos do ano 2004, no que se traballou cun total de 376 mozos e mozas que tiñan perfiles moi similares: de 16 a 22 anos, baixo nivel formativo e falta de recursos económicos e de apoio familiar, polo que se facía imprescindible facilitarlles o acceso á formación. Por sexos, o 62% foron mozos fronte ao 38% de mozas. Na súa procedencia, a maioría eran da Coruña, cun 40%, e Pontevedra, o 25%.

Ao longo do exercicio 2004 finalizaron o programa 150 mozos, dos que 54 foron contratados, 25 estaban a realizar cursos de formación ocupacional e 16 retornaron á formación regrada. A porcentaxe restante, un 36%, un total de 55 persoas, rematou o ano á procura dun emprego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia