Ir o contido principal
iniciar sesión

Un novo selo editorial xuvenil en Galicia: OQO Editora

OQO EDITORA vén de presentar un novo selo editorial de literatura para nenos e xoves, que xorde con catro títulos, editados simultaneamente en galego, castelán e catalán: Manda narices!, Rato Tom e Rata Tomasa, O cuarto prohibido e Celestino Tarambainas, que estarán á venda a partir do luns 18 de xullo en librerías do Estado español e Portugal.
OQO Editoratenta recuperar e botar a rodar de novo contos e lendas de distintas culturas:  Burkina Faso, Etiopía,  Mongolia, Turquía, Castela, Quebec, Brasil, Rusia... historias que permanecen porque os misterios que entrañan resisten o paso do tempo, porque as primeiras aprendizaxes son básicas para mirar ao mundo. Combinando textos de autores contemporáneos con contos marabillosos, os libros de OQO buscan desenvolver a imaxinación e o humor como actitude ante a vida, fomentar a reflexión e a creatividade nos nenos.
A nova editora galega aposta polo álbum ilustrado de produción propia, pola existencia dun espazo de creación para autores e ilustradores, buscando novas propostas que recollen diferentes sensibilidades artísticas. Entre os ilustradores de OQO hai persoas vinculadas á
pintura -Itziar Ezquieta-, á escultura -Iván Prieto-,á banda deseñada –Iván Suárez-  e outros xa recoñecidos como Sergio Mora, Mariona Cabassa ou a italiana Alessandra Cimatoribus.
Como proxecto editorial, apóstase pola calidade na edición: encadernación en cartoné e ilustracións a cor, buscando que cada libro sexa único, diferente.
Os libros de OQO buscan chegar á literatura en esencia, transmitir emocións, facer libros NON SÓ para nenos, senón TAMÉN para nenos (-adulto é só quen decide selo, dicía Gianni Rodari-) afastándose do prexuízo de literatura infantil como xénero menor.
Rodari afirmaba que hai dúas clases de cativos, quen le por obriga e quen le por gusto; só estes chegarán a ser produtores de cultura e de valores, non consumidores pasivos de valores e de cultura producidos e ditados por outros. Por iso o obxectivo de OQO é facer bos libros para facer lectores bos.

COLECCIÓNS

OQO Editorasae ao mercado con dúas coleccións:

*COLECCIÓN O, Contos a pedir de boca,para nenos de tres a sete anos. Editados en cartoné, cun formato de 25x23 cm.
Nela, veñen de ser editados:
RATO TOM E RATA TOMASA: Marisa Núñez nos ofrece unha orixinal versión dun conto tradicional do Brasil, tratada con humor e agudeza. Con resonancias de conto tradicional, esta obra dá pistas sobre a intensidade dos afectos, da amizade, da vida... valores que
persistiron ao longo do tempo e que nunca está de máis rememorar. Alessandra Cimatoribus, ilustradora italiana que se presenta ao público galego, aporta un innovador escenario creativo, no que xoga coas texturas.
MANDA NARICES!:Conto popular do Quebec quenarra as peripecias de tres irmás ás que seu pai lles deixara uns fascinantes obxectos máxicos. Iván Prieto ofrece unha proposta plástica chea de matices, a través da colaxe mostra unha segunda lectura do álbum. Con esta obra, o artista ourensán entra no mundo da ilustración, despois de case unha década de creación no eido da pintura e a escultura.

*COLECCIÓN Q, Para lectores intrépidos,para nenos de oito a doce anos. Editados en cartoné, con ilustracións a cor en cada páxina, cun formato de 15x20 cm.
Nela, veñen de ser editados:
O CUARTO PROHIBIDO: Conto popular castelán adaptado e ilustrado pola pontevedresa Itziar Ezquieta. Narra a historia dun malvado xigante que seduce as fillas do leñador, ofrecéndolles a súa fortuna. Trátase dun libro que fascina pola palabra e pola imaxe. As ilustracións, cun ritmo perfecto, confiren unha forza singular ao escenario misterioso. Itziar Ezquieta, novo valor da arte galega, constrúe un mundo desacougante de espazos enigmáticos.
CELESTINO TARAMBAINAS: Conto de creación, escrito por Marisa Núñez, que narra a historia dun home incomprendido e solitario, ao que a sociedade deixa de lado. Os personaxes que viven no conto son o espello dunha sociedade hostil que rexeita a quen é diferente. Pero
esta historia tamén fala da bondade, da soidade e da realidade poética dos soños. As imaxes da ilustradora catalá Mariona Cabassa complementan e enriquecen o ton cálido e poético do texto.

Máis información sobre as novidades de OQO estarán dispoñibles na páxina web
www.oqo.es
OQO