Ir o contido principal
iniciar sesión

O sábado día 10 de setembro, Xosé Manuel Budiño da un concerto no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, en Oleiros

Xosé Manuel Budiño, un dos mellores gaiteiros do momento no panorama nacional e internacional, ofrecerá o sábado 10 de setembro un Concerto no Auditorio “Gabriel
García Márquez” en Mera, que comeza ás 21,30 horas e será de entrada libre para todos cantos queiran desfrutar da expresión e renovación da música celta que Budiño fai coa súa gaita, intentando describir as súas emocións e sensacións.Este concerto é froito da colaboración entre Caixanova, a Deputación Provincial de A Coruña e o Concello de
Oleiros.

Xosé Manuel Budiño, natural de Moaña, inicia a súa andaina musical a principios dos 80 na Escola de Gaitas “Semente Nova” de Moaña. Forma parte dun dos grupos punteiros do chamado “novo folk galego”, Fol de Niu. O músico galego participou en numerosos festivais como o de “La Veuze” en Nantes, o de “Lorient”, ou o de Ortigueira. Tamén fixo a xira de “Los Maestros Solistas Europeos de Gaita”. Recibiu numerosos premios entre os que destacan: o do Festival “Cidade Vella” de Santiago de Compostela, o premio “Ideal” ao solista revelación de Galicia, o “Trofeo Macallan” de mestres gaiteiros ou o “Premio da Música”, que concede a SGAE á mellor canción en galego.

Dase a coñecer con “Paralaia” (1997), nome dun monte de Moaña que linda con Bueu, o seu primeiro traballo en solitario que obtivo unha gran acollida tanto por parte do público, como da crítica especializada. No segundo, “Arredor”, (2000), producido por Donald Shaw (Capercaillie), Galicia é un punto de partida sen volta. Unha viaxe arredor de territorios físicos e sonoros, acústicos e dixitais, unha explosión de enerxía e sutilidade. “Zume de Terra”, (2004) é o novo disco de Budiño, o terceiro na súa carreira artística e o primeiro no que o artista galego asume totalmente as tarefas de composición, arranxos musicais, producción e gravación. Este disco reflexa as inquedanzas dun artista creativo e inconformista que asume a innovación como punto de partida. A fórmula non é a de reinterpretar ou recrear a tradición senón a de crear valéndose dela. En “Zume de Terra” Budiño contou entre outros con importantes colaboradores de diferentes xeografías como o músico bretón Jacky Molard, os escoceses Capercaillie e Michael McGoldrick, o músico e productor Julio Pereira, as voces de Sara Tavares (Cabo Verde) e da brasileira Lilian Vieira.

Nesta ocasión interpretará temas deste último disco e fará un percorrido polos seus traballos anteriores.
Carmen Carballo (Comunicación Concello de Oleiros - A Coruña)