Ir o contido principal
iniciar sesión

O Instituto de Ciencias da Educación mantén aberta a matrícula para a obtención do CAP no curso 2005-2006

A inscrición, que remata o 16 de setembro, desenvolverase na Unidade de Xestión Académica (UXA) do Campus Sur en horario de mañá en diferentes quendas segundo as iniciais do primeiro apelido. Deste xeito, ata este venres día 2 establécese a matrícula para as letras do A ao H, do 5 ao 9 para os apelidos que comecen por letras comprendidas entre o I e o Q, e do 12 ao 16 para as restantes.

O CAP poderano realizar todas aquelas persoas que posúan a titulación requirida para acceder ao corpo de profesores de Ensino Secundario ou que lles falle unha materia para titularse, quedando neste caso supeditada a obtención do certificado a acadar a titulación no presente curso 2005-2006.

Para formalizar a matrícula deberase acompañar coa solicitude unha fotocopia compulsada do título académico, 6 fotos tamaño carné, unha fotocopia do DNI e outra do contrato laboral para a modalidade de matrícula semipresencial.

Os interesados poden acadar máis información no propio ICE, emprazado na Avenida das Ciencias, chalé nº 3, do Campus Sur de Santiago, nos teléfonos 981 56 31 00 Ext.: 14472/14473, ou no correo electrónico icesec@usc.es.
Gabinete de Comunicación da USC