Ir o contido principal
iniciar sesión

A Mesa e a Dirección Xeral de Xuventude colaborarán para romper as inercias diglósicas entre a xente nova

Responsábeis da Mesa pola Normalización Lingüística entrevistáronse co Director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galiza, Rubén Cela. A asociación en defensa do galego, que levaba dous anos agardando a ser recibida pola persoa que detentaba esta responsabilidade no anterior goberno, xulga este encontro como “moi positivo” e valora singularmente a axilidade e o interese en dialogar demostrado polo novo Director Xeral.

Rubén Cela concordou coa Mesa en “realizar un traballo acompasado,
entre administración e movemento cidadán, co obxectivo de rachar coas inercias diglósicas que aínda perviven en boa parte da mocidade galega”. Así, A Mesa e a Dirección Xeral de Xuventude asumen o “reto histórico” de volver transformar o galego na primeira lingua da mocidade, para o cal se deseñará unha liña de accións que garanta os dereitos lingüísticos dos mozos e das mozas.

Por parte do colectivo cidadán, asistiron ao encontro Iria Taibo (Responsábel Nacional de Mocidade pola Normalización Lingüística), Carlos Callón (Presidente da Mesa) e María Xosé Jamardo (Secretaria Xeral).
A Mesa pola Normalización Lingüística