Ir o contido principal
iniciar sesión

Mercado, foro e mostra da industria audiovisual en Galicia, é o eixe de Factory 05 que se celebra en Oleiros

O concello de Oleiros será escenario, previsiblemente a comezos de decembro, de “Factory 05”, onde o mercado, un foro permanente e unha mostra porá en valor a
industria audiovisual galega, un dos sectores inequívocos da industria cultural do noso país. Todo o contido será degranado polo miúdo, o martes 27 de setembro nun acto público cos medios de comunicación. Esta iniciativa do concello de Oleiros, será coordinada pola produtora Mr. Misto.

Lonxe das longametraxes e outros produtos audiovisuais que acceden habitualmente ás salas comerciais e ás televisións, a sociedade descoñece totalmente o volume de historias, contos, narracións e todo tipo de proxectos audiovisuais que ano tras ano nutren os caixóns das videotecas e arquivos institucionais, porque non son tidos en conta por razóns alleas á calidade do produto. “Factory 05” pretende combater esta dinámica, e converterse nunha plataforma dedicada á promoción e á distribución de filmes que, polo seu carácter innovador e comprometido, non atopan un lugar nas principais canles de distribución tradicionais. Tres patas dunha mesma mesa son as que constitúen as tres seccións que integrarán este encontro do audiovisual en Oleiros, e que vai máis alá do que se pode entender coma un Festival ó uso.

Cineastas, produtores, programadores, distribuidores
independentes, profesionais... terán cabida neste espazo de interrelación, intercambio de impresións e mercado audiovisual. Curtametraxes, documentais, televisións locais, proxetos autónomos dos concellos... unha chea de experiencias que en definitiva, semellan solapadas á vista da xente, pero que sen embargo, conforman boa parte da produción audiovisual á que non ten acceso a sociedade, porque o sistema habitual de comercialización dálle as costas a este tipo de produtos nos que a calidade, o compromiso social e cultural, son denominador común nos mesmos.
Carmen Carballo (Comunicación Concello de Oleiros)