Ir o contido principal
iniciar sesión

Máis de 136.000 alumnos realizarán estudos de ESO e Bacharelato en 529 centros docentes

Un total de 136.486 escolares de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato incorpóranse ás clases o luns, 19 de setembro, segundo datos provisionais recollidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Estas cifras indican un descenso no número de alumnos dos niveis de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato con respecto ao ano pasado. Así, os datos globais apuntan un total de 4.315 alumnos menos que o curso anterior.

O número de centros que impartirán estudos de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato en Galicia ascende a 529, dos cales 349 son públicos e 180 son privados.

Educación Secundaria Obrigatoria

En Educación Secundaria Obrigatoria prevese que comecen as clases un total de 101.757 alumnos, isto é, 2.654 escolares menos que o curso pasado. A provincia galega na que hai máis estudantes matriculados é A Coruña, con 39.946, seguida de Pontevedra, con 38.527 alumnos. As provincias galegas que rexistran menos escolares matriculados en Educación Secundaria Obrigatoria son Lugo e Ourense, con 12.242 e 11.042, respectivamente.

Estes datos reflicten que a provincia galega na que se acusa un maior descenso de alumnos en Educación Secundaria Obrigatoria con respecto ao curso anterior é A Coruña, con 1.467 matriculados menos. A provincia que rexistra un menor descenso de matriculación neste nivel de ensinanza é Ourense, con só 156 alumnos menos que o ano pasado.

Por centros, un total de 72.204 alumnos realizarán estudos de Educación Secundaria Obrigatoria en centros públicos, 26.885 en centros concertados, e 2.668 en centros privados.

Dos 39.946 alumnos que cursarán Educación Secundaria Obrigatoria na provincia de A Coruña, 28.975 farano en centros públicos, 9.673 en centros concertados, e 1.298 en centros privados. Na provincia de Pontevedra, 26.062 escolares estudarán en centros públicos, 11.579 en concertados, e 885 en privados.

Pola súa banda, dos 12.242 alumnos matriculados na provincia de Lugo, 9.976 estudarán en centros públicos, 1.959 en centros concertados, e 307 en centros privados. Na provincia de Ourense, 7.190 escolares realizarán os seus estudos de Educación Secundaria Obrigatoria en centros públicos, 3.674 en concertados, e 178 en privados.

Bacharelato

Os alumnos que comezarán as clases en Bacharelato son un total de 34.729, fronte aos 36.390 que o cursaron o ano pasado na Comunidade galega. Por centros, un total de 28.581 realizarán estudios de Bacharelato en centros públicos e 6.148 en centros privados.

A provincia galega na que hai máis escolares matriculados en Bacharelato é a de A Coruña, con 14.318. Destes, 11.272 estudarán en centros públicos e 3.046 en centros privados.

Pontevedra é a segunda provincia que rexistra máis escolares en Bacharelato, cun total de 12.252. Segundo a titularidade do centro, os centros públicos son, de novo, os que acollen a un maior número de escolares, cun total de 10.154 matriculados, fronte aos 2.098 dos centros privados.

Na provincia de Lugo están matriculados un total de 4.296 alumnos en Bacharelato: 4.003 en centros públicos e 293 en privados.

Finalmente, Ourense é a provincia que menos escolares matriculados en Bacharelato rexistra, cun total de 3.863. Destes, 3.151 estudarán en centros públicos e 712 en centros privados.


Profesorado

O número de profesores que impartirán clases na ensinanza pública durante o curso académico 2005/06 ascende a 30.289, mentres que un total de 7.547 docentes realizarán a súa labor na ensinanza privada en Galicia. No tocante á ensinanza pública, un total de 11.722 docentes constitúen o profesorado de Educación Secundaria, e 428 son profesores de relixión en secundaria.

En canto ao número de alumnos por unidade, no curso 2004/05 houbo unha media de 21,11 alumnos por aula de Educación Secundaria Obrigatoria nos centros públicos galegos, e de 25,19 escolares nos centros privados. Pola súa banda, unha media de 22,79 alumnos conviviron en cada aula de Bacharelato nos centros públicos, e 21,37 nos privados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia