Ir o contido principal
iniciar sesión

A Consellería de Educación loitará por acadar o máximo recoñecemento social para os docentes

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, destacou a labor dos docentes no sistema educativo e anunciou que o departamento que dirixe esforzarase por conseguir a valoración social que merecen estes profesionais. A titular desta Consellería inaugurou en Lugo, no IES Ánxel Fole, o novo curso de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato que hoxe comezou para un total de 136.486 alumnos que realizarán estes estudos en 529 centros galegos.

Durante a súa intervención, Laura Sánchez Piñón salientou que xa se ten demostrado que nos países máis desenvolvidos tamén acadan a mellor valoración os docentes.

A titular da Consellería de Educación destacou ademais a necesidade de educar en valores como a tolerancia e a convivencia. Neste senso, subliñou que a recente incorporación de alumnado procedente doutros países e culturas debe verse como un feito enriquecedor. Laura Sánchez fixo un chamamento a profesores e alumnos para que estean atentos ás actitudes e fomenten principios como o respecto mutuo.

Finalmente, a conselleira de Educación avogou pola formación como garantía para que a xuventude galega logre no futuro un traballo que satisfaga as súas aspiracións. De cara á consecución deste obxectivo, adquire un papel esencial o estudo de idiomas estranxeiros e a aplicación das novas tecnoloxías ao ensino.

Normalidade no comezo do curso

A normalidade foi a tónica xeral que dominou este luns a volta ás aulas dos alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato. Os máis de 500 centros que imparten estas ensinanzas abriron as súas portas sen que practicamente se rexistrasen incidencias.

En A Coruña, o único centro que non comezou as clases foi o IES Cabo Ortegal de Cariño, onde os alumnos volverán ás aulas o vindeiro 28 de setembro. En Ourense, tampouco se inciaron as clases no IES As Lagoas por motivos de obras. Neste centro, está previsto que os alumnos comecen o curso o vindeiro xoves, 22 de setembro. En Lugo e Pontevedra, a normalidade foi absoluta.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia